O BNG propón que o Goberno Local promova a rehabilitación da casa coruñesa de Rosalía

Rosalía de Castro viviu nese inmóbel entre 1871 e 1874
casa rosalia coruña

O BNG da Coriña vai defender no Pleno festa quinta feira que o Goberno Local promova a rehabilitación e musealización da morada en que Rosalía de Castro viviu na cidade entre 1871 e 1874, no número 3 da Rúa do Príncipe. A Casa coruñesa de Rosalía -neste momento en estado de abandono- pertenece a Abanca, que a herdou de Caixa Galiza, entidade que se fixo con ela froito dun embargo por impagos dos seus titulares.

A través desta iniciativa, o BNG pide ao Goberno Local que estabeleza conversas con Abanca tendo como propósito a cesión da casa ao Concello, ao tempo que insta o Executivo coruñés a que negocie o apoio doutras administracións para a materialización do proxecto de rehabilitación, musealización e apertura ao público, nomeadamente da Xunta, a Deputación e a Real Academia Galega.

No texto da moción, Francisco Jorquera explica que no seu día Caixa Galicia cedera a casa á Real Academia Galega, mais o proxecto de rehabilitación non foi avante por falta de recursos da entidade e a morada retornou á financeira.

Este 2021 celébranse tamén os 50 anos da apertura ao público da Casa da Matanza en Padrón, a morada que alberga a Casa Museo de Rosalía. Con tal motivo, o pasado 10 de novembro inaugurouse na Coruña unha exposición que percorrerá distintas cidades e vilas do país, baixo o título de A Casa de Galicia: 50 anos da Casa de Rosalía.

Porén, reflexiona Jorquera, “mentres celebramos esta efeméride, na Coruña temos a nosa propia Casa de Rosalía, na que viviu durante a súa estadía na nosa cidade, sita no número 3 da Rúa do Príncipe”. “Unha morada”, remarca, “que por desgraza presenta un aspecto lamentábel”.

A iniciativa detense tamén no estado da sepultura do home de Rosalía, o escritor e historiador Manuel Murguía, que se acha no cemiterio municipal de Santo Amaro. O BNG pídelle ao Goberno Local que realice “as accións oportunas” para a súa dignificación e posta en valor, procedendo tamén á súa rotulación en galego.

Comentarios