Eleccións

O BNG propón un plan para facilitar o regreso das emigradas

Pontón sinala Galiza precisa un Goberno "que confíe non seu potencial e poña en marcha unha nova estratexia económica que aposte pola reindustrialización".
2020_0312_11182200
photo_camera 2020_0312_11182200
Máis de 200.000 galegos e galegas, a maioría xente nova, colleu as maletas na última década nun país cunha grave crise demográfica ao que se suman as negativas consecuencias en termos económicos. Así o pon de manifesto o Bloque Nacionalista Galego, que quere ten esta circunstancia presente no su programa electoral. Nun encontro virtual, a candidata nacionalista á Presidencia, Ana Pontón, falou esta quinta feira con algunhas desas persoas para coñecer a súa situación de primeira man.

"Queremos poñer o foco nun dos grandes problemas do país: que miles de persoas na última década tiveron que saír fora ante a falta de expectativas e oportunidades de traballo na Galiza", indicou, o que supón "un problema en termos económicos pero tamén en termos sociais nun país cunha crise demográfica tan fonda".

Urxe un cambio real porque "non podemos seguir vendo como a xente moza ten que optar entre a emigración ou a precariedade e o cinco de abril temos a ocasión de facer unha aposta por cambiar o modelo económico que expulsa fóra a milleiros de persoas do país". Para iso, subliñou, "a Galiza precisa un Goberno que confíe no país, que confíe non seu potencial".

Entre as propostas do programa de goberno do BNG, a posta en marcha dun Plan Retorna para facilitar o regreso, con participación social e sectorial e con orzamento específico. "Incluiría medidas de apoio para as empresas que contraten retornados, apoio económico para fomentar o autoemprego e poñer en marcha unha estratexia que nos permita recuperar as persoas obrigadas a marchar", explicou Pontón.

A candidata nacionalista incidiu na necesidade de mudar a política económica da man dun Goberno que confíe no país, "que confíe non seu potencial e poña en marcha unha nova estratexia económica que aposte pola reindustrialización, pechando ciclos produtivos desde un punto de vista sustentábel".

Nesa nova política económica o apoio ao I+D+i é chave "porque a investigación non pode seguir sendo sinónimo de precariedade", e poñer en marcha medidas "para que os mellores cerebros que agora traballan fóra se recuperen para o país". Desde a Administración, sinalan no BNG, pódense adoptar medidas para acabar coa precariedade, "por exemplo non contratar con ETTs e favorecer que a contratación pública prime ás empresas privadas con condicións laborais dignas".

"No BNG temos un programa ambicioso co que nos presentamos o 5-A  para mudar o fracaso das políticas económicas do PP, fracaso que ten nas cifras da emigración unha proba clara. Queremos darlle unha oportunidade a toda esa xente que marchou", concluíu Pontón.

Comentarios