O BNG propón un pacto galego pola investigación cun 3% do PIB do país

Reclaman avances "claros" nos estudos da COVID-19.
Ana Pontón, nunha videoconferencia a pasada semana.
photo_camera Ana Pontón, nunha videoconferencia (Imaxe: BNG).

Un pacto galego "pola ciencia e a innovación" dotado de 3% do Produto Interior Bruto (PIB) nos vindeiros anos. Foi a proposta que lanzou onte a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, tras manter unha reunión virtual con representantes de colectivos investigadores do país.

"Precisamente, unha das leccións que nos deixa esta pandemia é que precisamos un sistema científico forte, porque aqueles que teñen un sistema científico no que invisten máis están dando unha mellor resposta", analizou a dirixente nacionalista.

Seguindo nesta liña, o BNG propón un pacto que apoie á "ciencia de base" e sirva para rematar coa "precariedade" do colectivo investigador. Así mesmo, desde o BNG demandan a posta en marcha dun programa de "captación de talento" que vire Galiza nun territorio que "acolla a moitos investigadores".

Pontón tamén reclamou un "avance claro" na investigación da COVID-19 que permita ao país "ter a responsabilidade de facer tests, desenvolver medicamentos" e, polo tanto, "ser capaces de dar resposta ás necesidades da poboación galega". 

Comparecencia de Feixoo polas residencias

Por outra banda, a voceira nacional do BNG insistiu en que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, acuda á Cámara galega para abordar a xestión das residencias de maiores durante a pandemia.

A dirixente apuntou a eivas nesa xestión en tanto que 46% dos falecementos de persoas con COVID-19 están relacionadas con usuarias dos centros de maiores. Por ese motivo, insistiu en que "é evidente que cómpre un plan de choque, tests masivos e que, dunha vez por todas, se bote luz sobre o que acontece nas residencias".  
 

Comentarios