O BNG propón en Ourense pular pola compostaxe doméstica como alternativa a Sogama

A través dun plan proposto pola asociación ecoloxista Amigos da Terra a fronte nacionalista levará ao pleno unha moción que procura unha alternativa ecolóxica ao modelo de incineración de Sogama. 

Composteiros caseiros
photo_camera Composteiros domésticos

Após a suba aprobada pola Xunta de Galiza que incrementará nun 34% o custe do servizo de xestión de residuos urbanos proporcionado por Sogama a partires do vindeiro mes de marzo, diversos concellos están a artellar alternativas. Este é o caso de Rianxo que anunciou a súa saída da planta de Cerceda e a súa entrada na Mancomunidade do Barbanza onde xa son 10 os concellos que destinan o seu lixo á produción de compost a través dun sistema de reciclado moito maior ao de Sogama. 

Neste senso, desde o BNG de Ourense veñen de presentar unha moción que será debatida no vindeiro pleno na que propoñen a aplicación dun modelo de compostaxe doméstica descentralizada coa que aspiran a desenvolver "o impulso definitivo" para o "abandono do modelo de incineración" que representa Sogama. Un sistema, din, que se demostra "insustentábel a nivel ecolóxico e económico" mais tamén, apuntan, "un sumidoiro de recursos e enerxía". 

Unha alternativa á incineración, con aforro

O Concello de Ourense, apuntan desde o Bloque, terá que afrontar anualmente un custe de 124.173 euros após a suba aprobada polo goberno de Alberto Núñez Feijóo. 

Así, a través dos datos achegados pola asociación ecoloxista Amigos da Terra, a organización frontista presenta "a viabilidade económica" da proposta e asegura que "en tres anos" o Concello de Ourense estaría "en condicións de aforrar custes no tratamento actual de residuos" após aplicar un programa de compostaxe doméstica que abranga por volta de 2.000 familias. 

A proposta inclúe, para alén dos composteiros, a formación e asesoramento á veciñanza que reduciría de maneira notoria a cantidade de lixo producida como resultado dun proceso de reciclado da materia orgánica que pasaría a constituír compost. 

Segundo o BNG, as queixas emitidas polos concellos en relación á suba do canon de Sogama "está ben porque é inxusta, mais hai que ir para alén" e "procurar un sistema alternativo, máis económico e recpeitoso co medio ambiente", afirmou a concelleira nacionalista, Ximena González quen presentou a moción como "un sistema alternativo á incineración que funciona". 

Aliás, a organización frentista propón que a medida sexa impulsada de maneira partillada polos concellos da contorna ao tempo que se pon en marcha "un sistema de compostaxe descentralizada" que reduza os custes do transporte e tratamento dos residuos urbanos. 

Comentarios