BNG propón nos orzamentos do Estado unha partida de 200 millóns para asegurar a intervención de Alcoa

Néstor Rego ve imprescindíbel facer unha previsión nos Orzamentos Xerais do Estado para a nacionalización do complexo de San Cibrao.

Manifestación de traballadores de Alcoa (Foto: Carlos Castro / Europa Press).
photo_camera Manifestación de traballadores de Alcoa (Foto: Carlos Castro / Europa Press).

O portavoz do BNG no Congreso, Néstor Rego, anunciou que, entre as emendas aos Orzamentos Xerais do Estado que a formación nacionalista vén de rexistrar está a de prever unha partida de 200 millóns de euros para a intervención pública da factoría de Alcoa en San Cibrao.

Rego salienta que a negativa da multinacional norteamericana a vender a planta de aluminio só deixa a vía da intervención pública para garantir a continuidade da actividade na comarca da Mariña e o mantemento dos postos de traballo afectados polo fechamento da planta.

Por esta razón, o BNG ve “imprescindíbel que se prevexa unha partida nestes orzamentos que permita afrontar a nacionalización do complexo de San Cibrao”.

O deputado nacionalista lembrou que hai unhas semanas foi aprobada no Congreso dos Deputados unha iniciativa do BNG instando o Goberno español a iniciar a intervención pública de Alcoa para salvar os postos de traballo e evitar a parada das cubas Rego lembra que esta iniciativa “foi apoiada polos dous partidos do Goberno do Estado, PSOE e Unidas Podemos, así como polo Partido Popular, que detén a presidencia da Xunta de Galiza”.

Mesa de Alcoa

A mesa multilateral de seguimento da crise da planta de Alcoa concluíu esta segunda feira  sen novidades despois de que a empresa rexeitase o ofrecemento de ambos os gobernos, español e galego, para retomar as negociacións no punto que quedaron a finais de setembro, co obxectivo de lograr a venda a través da Sociedade estatal de participacións industriais (SEPI).

O encontro, desenvolvido de maneira telemática, durou ao redor dunha hora e 10 minutos e a empresa mantivo o mesmo posicionamento, contrario á operación de traspaso da factoría, a pesar da existencia dun investidor interesado (Liberty, do grupo GFG Alliance) e a dispoñibilidade da SEPI para ser ela a que adquira a fábrica.

Comentarios