Insiste na necesidade dunha tarifa galega

O BNG propón un IVE do 4% “para frear a estafa” da electricidade


 

ana pontón tarifa eléctrica
photo_camera A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón. Foto: BNG.

“Hai que falar claro, a luz sobe porque os gobernos queren”. Con esa contundencia expuxo a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, as propostas da súa organización “para frear a estafa” da luz e a “vergoñenta escalada de prezos”. Que son, basicamente, dúas: unha tarifa galega e a redución do IVE da electricidade ao 4%.
 

“Temos un dos prezos da electricidade máis altos a causa dunha lexislación feita a medida das empresas eléctricas”, afirmou Pontón nunha comparecencia de prensa. E puxo datos á aseveración: os beneficios do lobby eléctrico continúan aumentando e en 2017 chegaron aos 5.600 millóns de euros. A iso cómpre engadir que Galiza, produtora de enerxía, non obtén ningunha vantaxe desta condición.

É máis, segundo os nacionalistas, os prexuízos ambientais ou os sociais -190.000 persoas que sofren pobreza enerxética “nun país que exporta electricidade a esgalla- afondan na “discriminación”. “A tarifa eléctrica galega permitiría as empresas e as familias tirar beneficios da riqueza enerxética galega”, sinalou o Bloque nun comunicado. No Reino Unido, Suíza ou Alemaña xa existen tarifas diferenciadas. Tamén en Euskadi para as empresas. “Sería un aforro medio de 200 euros para as familias na factura da luz”, dixo.

Sobre o IVE, a líder do BNG lembrou que o Goberno español no seu día rebaixouno para as touradas ao 10% e para a electricidade en Canarias ao 3%. Unha redución análoga en Galiza suporía, segundo argumentan desde o Bloque a partir de datos das asociacións de consumidores, 120 euros anuais de aforro.

Malia ser a redución do IVE e mais a tarifa galega as medidas estrelas, Ana Pontón tamén mencionou a creación dunha empresa pública galega “que asuma as presas hidroeléctricas que teñan finalizada a concesión” ou tratar por lei a luz e o gas como “bens de primeira necesidade” e impedir así os cortes.

Comentarios