Propón un acordo galego

O BNG propón destinar o 1% do orzamento da Xunta a combater a violencia machista

Presentou a campaña nacional do 25N, 365 Días contra todas as violencias: visibilizar, denunciar, erradicar. A portavoz nacional, Ana Pontón, chama a un acordo galego contra a violencia de xénero e pide dar "prioridade política" a este problema.

PONTON E PRESAS PRESENTAN CAMPAÑA BNG 25N
photo_camera Noa Presas e Ana Pontón na presentación da campaña do 25S

Ana Pontón propón un acordo galego contra a violencia machista que inclúa forzas políticas e colectivos sociais. Unha porposta que a portavoz nacionalista realizou na presentación, coa deputada e responsábel de Acción Feminista, Noa Presas, da campaña que con motivo da celebración do 25N o BNG vai facer por todo o país baixo o lema 365 Días contra todas as violencias: visibilizar, denunciar, erradicar.

Suporía pasar dos 11 millóns de euros actuais a un mínimo de 90 millóns de euros

Unha das proposicións con aplicación inmediata nos orzamentos de 2017, sería a de destinar o 1% a financiar políticas de igualdade e de loita contra a violencia machista. “Suporía pasar dos 11 millóns de euros actuais a un mínimo de 90 millóns de euros”, salientan os nacionalistas. Nesta liña, Noa Presas lembrou que na actualidade os gastos de mantemento da Cidade da Cultura “son superiores ao que se destina a igualdade e protección das mulleres”.

Medidas concretas

Mais este non sería a única cuestión que se enmarcaría neste acordo. Así, outras prpostas serían a reforma da lexislación galega para incluír o termo feminicidio e desenvolver un estatuto de protección da vítima, sería outras das propostas. Como mellorar todos os dispositivos de atención, desde o aspecto psicolóxico ao laboral e, en terceiro lugar, fixar un calendario para dotar de xulgados específicos en 2017 polo menos a todas as cidades galegas.

Non chega con poñerse un lazo rosa o 25N, sen recursos e sen vontade política é imposible cambiar nada

A portavoz nacionalista fai un chamamento a considerar esta cuestión como prioridade política, e admitir que “non se está a facer o suficiente” para erradicar a violencia de xénero. “Algo falla cando case a metade das asasinadas o pasado ano tiñan orden de denuncia”, indicou, “polo que as medidas xudiciais e policiais que activa unha denuncia non garante a vida das mulleres”. En Galiza, ademais das 8 mulleres asasinadas, o pasado ano producíronse máis de 5.000 denuncias, a punta do iceberg porque 7 de cada dez non presenta denuncia.

“Debe ser unha prioridade garantir á mulleres o dereito a vivir en liberdade. Non chega con poñerse un lazo rosa o 25N, sen recursos e sen vontade política é imposible cambiar nada”, salientou Pontón, quen fixo un recoñecemento expreso do traballo do feminismo organizado.

Comentarios