Cos líderes políticos galegos

O BNG propón un debate sobre as xerais na TVG

Un debate cos líderes políticos galegos na TVG sobre as eleccións xerais. Está é a petición que lle fará o BNG ao director xeral da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo, e ás forzas políticas para que a cidadanía coñeza as propostas programáticas dos partidos.

rubén cela
photo_camera O coordinador da campaña electoral do BNG para o 28A Rubén Cela, esta quinta feira na sede da organización. Foto: BNG.

Rubén Cela, coordinador da campaña electoral do BNG de cara aos comicios estatais, propuxo na mañá desta quinta feira a realización dun debate na TVG entre as forzas con representación no Parlamento galego. É a maneira, explicou Cela, de que “os e as líderes políticas das forzas galegas expliquen a través da televisión pública cales son as diferentes propostas e alternativas para este país”.

O nacionalista adiantou que o Bloque remitirá unha carta ao director da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo, e ao resto de forzas políticas para organizar o debate, “estamos seguros de que o PP non porá ningún problema porque o BNG non está propoñendo nada que non se fixera xa no pasado”. Referíase Cela ao realizado antes das eleccións de 2008 na TVG e no que tomaran a palabra Alberto Núñez Feixoo, Anxo Quintana e Emilio Pérez Touriño. “As galegas e galegos meréceno”, engadiu.

O obxectivo, que se fale de Galiza

Aliás, Rubén Cela deu conta dalgúns dos eixos básicos sobre os que pivotará a proposta do BNG para os comicios do 28 de abril. “Imos desenvolver unha campaña cun obxectivo moi concreto, que se fale de Galiza e dos problemas dos galegos e das galegas, que se fale do que nos interesa como sociedade e como país”.

O Bloque, advertiu, porá os seus esforzos en que Galiza “non fique ausente, non fique mude e non fique ignorada baixo as liortas dos partidos estatais que só ven Galiza como un graneiro de votos pero da que se esquecen ao día seguinte de retirar as urnas”. “Estamos fartos e fartas de que nos usen como mercadoría electoral. Fartos e fartas dos paracaidistas electorais que veñen desde Madrid como quen ven de veraneo a provincias só cando queren pedirnos o voto”, salientou.

As visitas dos "paracaidistas"

Ao respecto, Cela lembrou que Pablo Casado “veu a Galiza na primeira en xullo, na súa campaña á suceder a Raxoi. E non se volveu acordar de Galiza até que se anunciaron as eleccións anticipadas, cando volveu a Vigo a pedir o voto para o PP”. “O mesmo co señor Sánchez, oito meses de presidente e non tivo tempo de vir até que convocou as eleccións e, claro está, para pedirnos o voto”, engadiu.

“O BNG quere que se fale menos de Casado, Rivera ou Sánchez e que se fale máis de Galiza e do que nos interesa aos galegos e galegas. Dos nosos problemas e de cales son as propostas das forzas políticas para resolvelos e para conseguir que vivamos mellor, que se fale dos problemas concretos que afectan a maioría social deste país”, sinalou. Citou, entre outros, a emigración, a precariedade laboral e salarial ou a perda de miles de empregos na industria polo custo enerxético “cando producimos enerxía a esgalla”.

Cela tamén denunciou “a estafa da AP9 mentres baixan un 30% as tarifas das radiais madrileñas” e o “servizo de tren do século pasado, mentres outros territorios celebran máis dun cuarto de século de AVE”. As pensións máis baixas do Estado e a débeda de 188 millóns do Estado con Galiza para dependencia foron outros dos asuntos sobre os que puxo atención o nacionalista, que aludiu a un modelo de financiamento “absolutamente insuficiente e inxusto para o noso país que nos impide ter uns maiores e mellores servizos públicos”.

Fixo referencia á última lexislatura, en que Galiza, denunciou, “foi absolutamente invisíbel no debate estatal e irrelevante politicamente”. Cargou entón contra o PP de Raxoi e contra “os orzamentos infames para Galiza propostos polo PSOE co apoio de En Marea e Podemos”.

Comentarios