O BNG propón crear o Consorcio Galego para a Capacitación e competencias dixitais, con 1.180 millóns de euros

Para 5 grandes proxectos de dixitalización; capacitación da poboación, capacitación das empresas, do ensino e da cultura.
BNG Lugo

O BNG propuxo en Lugo, nun acto na Muralla, a creación do Consorcio Galego para a Capacitación e  as Competencias  Dixitais, para que o que sería necesario destinar 1.180 millóns de euros dentro dos fondos de reconstrución da Unión Europea bautizados como ‘Next Generation’.

Coa presenza da portavoz nacional do Bloque, Ana Pontón, e cargos nacionalistas, Pontón subliñou que dentro desta estratexia téñense que sumar "tanto a Xunta, as universidades como as propias administracións locais, para poder conseguir unha xigantesca mobilización de recursos humanos e tecnolóxicos que permitan situar a Galiza na vangarda da dixitalización tanto no sector público como no privado".

A creación do Consorcio poderíase facer coa asignación de 1.180 millóns de euros "até 2027 para poder desenvolver cinco grandes proxectos de dixitalización; capacitación da poboación, capacitación das empresas, do ensino e da cultura", entre outros, debullou a líder do BNG.

Tamén defendeu que se destinen 350 millóns de euros para o desenvolvemento de "tecnoloxías intelixentes" e a expansión do 5 G, e reivindicou, ademais, a "importancia de que "o galego estea presente nesta dixitalización" baixo o programa 'Vida  Dixital en  Galego' onde as tecnoloxías e os asistentes de voz sexan no idioma da Galiza.

Previamente, o tenente de alcalde do Concello de Lugo, Rubén  Arroxo, puxo o acento nas "necesidades específicas" da cidade e no "importante déficit e atraso" das súas infraestruturas.

"Como pode ser que no ano 2021 Lugo sexa a única cidade galega que non se conecta coa capital (Santiago) nin por autovía, nin por ferrocarril? É algo inadmisible", censurou.

Tamén criticou que a autovía Lugo-Ourense só estea "feita nun 8% do seu trazado". "É moi importante abrir o debate para que se poña Lugo no mapa", concluíu Rubén  Arroxo.

Comentarios