O BNG propón que na contratación pública haxa unha “cláusula de igualdade”

Encontro feminista en Compostela de alcaldesas, tenentes de Alcaldía, concelleiras, deputadas provinciais e candidatas ás eleccións locais para reafirmar a idea de que os concellos liderados polo BNG son “concellos aliados das mulleres”.

BNG feminismo

Santiago acolleu esta quinta feira un encontro de cargos institucionais e políticos do BNG , unha xuntanza na que se promoveu que os concellos onde hai liderado nacionalista son municipios “ aliados das mulleres”.

A portavoz nacional, Ana Pontón, chamou a  plantar cara ante o discurso “neomachista” da man da dereita españolista. “Queren facer negacionismo da violencia de xénero, queren a volta das mulleres ao fogar”, recalcou. Ante este escenario involucionista Pontón pideu ás mulleres “rebelarse” aproveitando as datas do 8 de marzo e os comicios do 26 de maio.

A líder nacionalista avanzou que o Bloque apoiará a manifestación así como a folga laboral e de servizos prevista para o 8M, e de cara aos comicios locais, avanzou propostas do programa electoral a favor da igualdade. Entre elas, evitar que nin un só euro público se destine a empresas que discriminan ou precarizan ás mulleres.

Así, explicou, a través dunha cláusula de igualdade na contratación pública, o BNG propón asumir “unha contratación pública responsábel que garanta valores como a dignidade do traballo, a igualdade de xénero e o respecto polos dereitos fundamentais. A Administración debe dar exemplo”, subliñou Pontón. Para iso, avanzou, estableceranse criterios para que a través da contratación publica se promova a igualdade con plans específicos nas empresas, medidas que favorezan a conciliación, representación equilibrada de mulleres nos cadros de persoal ou apostando por dar estabilidade ao emprego feminino.

Comentarios