BNG propón unha axuda de 2.000 euros a profesionais por conta propia

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, cualificou de insuficientes as medidas anunciadas polos Gobernos español e galego para as autónomas e autónomos, un colectivo de 210.000 persoas “que representan un piar da economía da Galiza”. Desde o Bloque propoñen unha axuda directa de 2.000 euros para profesionais por conta propia que visen afectada a súa actividade pola crise e suprimir durante tres meses a cota.
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón.
photo_camera A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón.

Após un encontro telemático con autónomas e autónomos, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, propuxo a posta en marcha dunha axuda directa de 2.000 euros para profesionais por conta propia, un colectivo que antes da crise sanitaria ascendía na Galiza a 210.000 persoas. Esta axuda, remarcou Pontón, sería compatíbel con outras existentes.

Esta cuarta feira, 1 de abril, Pontón reuniuse por videoconferencia con representantes da Asociación de autónomos e pequenas empresas e coa Asociación de traballadores autónomos, principais entidades deste colectivo que a voceira do Bloque cualificou como “piar” da economía galega.

Non se lles pode “deixar caer” nesta crise, pediu Pontón. Para o Bloque, as medidas do Goberno español e da Xunta da Galiza son “insuficientes” e, aínda que remarcaron o apoio ás mesmas, criticaron que teñen un alcance “limitado”, cuestión pola que Pontón expuxo esta cuarta feira unha batería de propostas adicionais a favor dese colectivo.

“A ingresos cero, cotizacións cero”, recalcou Pontón

Entre as medidas urxentes que formula o Bloque salienta a demanda a eliminación da cota de autónomos durante un período inicial de 3 meses. “A ingresos cero, cotizacións cero”, recalcou Pontón.

 Así mesmo, a nacionalista pediu unha axuda directa de 2.000 euros do Executivo galego para os casos nos que as persoas autónomas se visen obrigadas a pechar ou reduciran de xeito importante os seus ingresos, axudas que deben ser compatíbeis coas do Estado, subliñou a líder nacionalista.

Igualmente, o BNG propuxo eliminar o pago do aluguer ou das cotas da hipoteca durante o período non traballado e aplicar unha quita de 50% nos tres meses seguintes á reapertura da actividade.

Fundamental tamén é, considerou Pontón, "reducir burocracia para axilizar a tramitación de axudas e liñas de crédito aprobadas e garantir con medidas de control que a liquidez inxectada á banca chegue tanto a este colectivo como as pequenas e medianas empresas".

A líder nacionalista tamén expuxo a necesidade de atrasar os pagos de Facenda para non ter que realizar agora nin a declaración trimestral do IVE nin o Imposto de Sociedades. “Estas son as propostas do BNG e seguiremos traballando para que Xunta e o Goberno central sexan conscientes de que é necesario un maior apoio para manter un piar fundamental na nosa economía”, recalcou.

O BNG pide ademais que as axudas poidan ser solicitadas por todas as e os autónomos que sofran unha caída de 50% na súa facturación mensual, en vez de 75% que se exixe agora, e puxo o exemplo de países como Dinamarca, onde é de 30%.

Tamén advertiu que a subvención media de 660 euros anunciada polo Goberno é insuficiente en moitos dos casos, mesmo para cubrir gastos básicos de aluguer, hipotecas ou facturas de servizos, “polo que á maioría non lle quedará nada que levar a súa casa”, dixo Pontón.

Devolución dos 60.000 millóns de euros do rescate á banca

Ante o risco de que se reduzan as pensións e se suban os impostos para paliar os efectos da crise, Pontón considerou que “de ningunha maneira se pode volver cargar o custe da crise sobre as familias e as clases traballadoras”. Así, a nacionalista propuxo outras opcións como “reclamar a devolución dos 60.000 millóns de euros do rescate á banca, que daría para moito; aplicar unha fiscalidade máis xusta e distributiva ás grandes empresas e patrimonios e, desde logo, deixar atrás dogmas liberais para que os Estados e as Administracións públicas poidan obter recursos recorrendo ao endebedamento, se for necesario, para saír desta crise que vai ter graves consecuencias económicas”.

Pontón criticou a "falta de anticipación" 

A líder nacionalista insistiu tamén na urxencia de tomar medidas “de calado” ante a situación crítica das residencias da terceira idade, polo que reclamou ao Goberno de Feixoo “anticipación e eficacia en lugar de ir un paso por detrás”.

“22,2% das persoas falecidas por coronavirus na Galiza foron por contaxios en residencias de maiores, isto sinala até que punto falta previsión e anticipación da Xunta”, lamentou. En canto á vindeira reunión da Deputación Permanente do Parlamento Galego, Pontón afirmou que “espera que o Executivo galego explique que motivou a decisión de trasladar e concentrar as persoas maiores afectadas en residencias en dous centros: un en Baños de Molgas e outro en Santiago de Compostela”.

Espera tamén a nacionalista que o Executivo dea resposta “a outras moitas preguntas que merecen ser contestadas en sede parlamentaria: cantas persoas maiores foron trasladadas, como se garante que non se van producir contaxios nos traslados, con que persoal sanitario están a ser atendidas neses centros ou como se van atender os dereitos das familias que non están recibindo información”, interpelou Pontón.

Intervir 100% das residencias privadas

Pontón aproveitou a rolda de prensa para volver insistir na necesidade de realizar de maneira masiva test de coronavirus entre persoas usuarias e persoal de residencias, enviar o necesario material sanitario de protección e intervir todas as residencias privadas “para ter o control antes de que se produza a situación de emerxencia con contaxios masivos, hai que anticiparse”, alegou a líder nacionalista.

Pontón tamén instou a Alberto Núñez Feixóo a evitar unha situación de emerxencia similar á das residencias nos centros que atenden persoas con discapacidade.

“Hai positivos en Sarria, Redondela e na Coruña”, alertou. “A cidadanía agarda un Goberno que se anticipe, non que improvise nin vaia por detrás dos problemas sobre todo cando falamos de colectivos tan vulnerábeis como persoas maiores ou con discapacidades”, insistiu. Para o BNG, unha das ensinanzas desta crise “é que non se pode facer da saúde un negocio e que hai que preservar unha sanidade e un sistema de servizos sociais públicos fortes e libres de recortes, porque diso depende a saúde das persoas”, concluíu.

Comentarios