O BNG propón acordar con Suíza a homologación automática de títulos de FP de emigrantes galegos

A líder do BNG pecha este domingo en Zurich os seus encontros coa colectividades galega en Suíza, tras visitar Basilea e Xenebra.

FOTO ANAPONTON CENTRO COMPOSTELA ZURICH 2
photo_camera Visita ao Centro Galego Compostela de Zurich

As propostas do BNG para a nova xeración de emigrantes chegada a Suíza, en particular após a crise de 2009, centrou a ultima das xornadas da visita da portavoz nacional Ana Pontón ao pais helvético, onde hai 41.000 galegos e galegas.

Unha problemática específica desta nova vaga de mozos e mozas galegas que emigraron é derivada da súa alta formación en FP. Entre elas, as dificultades que atopan para homologar os títulos de formación profesional, un proceso que poder tardar meses ou mesmo anos, provocando que sexan penalizados no mercado laboral suízo.

"Coa crise chegou unha nova xeración de galegos e galegas con moita formación e preparación que está tendo dificultades para que esa formación sexa homologada e lle permita ter un salario acorde coa súa cualificación", salientou Pontón.

Un problema que non afecta aos títulos universitarios que, tras Bolonia, teñen un procedemento moi regulado para validar titulacións, "pero si á formación profesional, de tal modo que os galegos e as galegas que chegan a Suíza cun título de FP teñen moitas dificultades para convalidalo".

Para dar unha solución, o BNG vai levar o asunto ao Parlamento galego "propoñendo que o Goberno da Xunta, con competencias en materia de Educación, negocie co Goberno suízo un convenio de colaboración que permita a homologación directa e automática dos títulos de FP, evitando así calquera demora que discrimine e penalice laboralmente os galegos e galegas que traballan neste país".

Pontón tamén recolleu outra das demandas que lle trasladou a emigración, en particular a que ten fillos e fillas nacidos xa no país de acollida e que queren manter a súa lingua. "Se hai algo que une a todos os galegos e as galegas iso é o noso idioma, unha riqueza que non se debe perder, sobre todo de cara as novas xeracións", salientou, "por iso é importante facilitarlle a xente nova, desde a infancia a adolescencia, contido audiovisual en galego e unha formación continua na nosa lingua e cultura, porque queremos e apreciamos aquilo que coñecemos".

Neste caso, a proposta do BNG é dobre: crear o Instituto Rosalía de Castro, similar ao Cervantes, e emisión en Suíza da programación infantil e xuvenil da TVG.

O Instituto Rosalía, "para difundir e promover a nosa lingua e a nosa cultura no exterior, porque hoxe o Instituto Cervantes imparte cursos de español en Suíza, pero sendo a galega a colectividade máis numerosa, non ten acceso a estudar o propio idioma dun xeito continuado. Tamén permitiría ter acceso á cultura en galego, tanto en materia de literatura, de cine, música, teatro, banda deseñada. En definitiva, un acceso continuo a cultura e a toda a creación artística que se está facendo en Galiza", explicou Pontón.

A líder do BNG, que en Zürich visitou o centro galego de Lalín e o de Compostela e mantivo un encontro coa colectividade asentada nesa cidade, volveu facer un recoñecemento á achega da emigración ao desenvolvemento do país.

"O BNG ten un proxecto para darlle oportunidades de futuro a xente do noso país, Para que non haxa tantas familias separadas e para que cada vez que un galego ou unha galega saca un billete de tren ou de avión para irse fora sexa por vontade propia e non por necesidade, non porque Galiza non lle da as oportunidades que merece", destacou.

Comentarios