O BNG propón 40 eixos para saír da crise e reforzar os servizos públicos

Servizos sociais, sanidade e autogoberno, as chaves do decálogo do BNG.
A vicevoceira nacionalista, Olall Rodil (Foto: Nós Diario)
photo_camera A vicevoceira nacionalista, Olall Rodil (Foto: Nós Diario)

O discurso “firme e crítico” da portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, no Debate do estado da nación, "constatou" que o Bloque é a alternativa ao PP. Así o aseverou a vicevoceira nacionalista na Cámara, Olalla Rodil. "Escoitamos un Feixoo nun ton bronco, nervioso e mediocre e que se move entre a submisión a Madrid e a Casado e a confrontación estéril con Pedro Sánchez, utilizando Galiza como arma partidista a favor do PP e os lobbies económicos", acusou Rodil.

A nacionalista compareceu ante a prensa para explicar o decálogo de eixos con 40 propostas que o BNG leva esta sexta feira, 15 de outubro, ao Parlamento, na última sesión do Debate do estado da nación.

Entre as iniciativas propoñen un "novo modelo de financiamento" que asegure recursos para a recuperación e para soster os servizos públicos, en concreto a sanidade e a Atención Primaria e un modelo público de residencias.

“Propomos un novo marco económico e financeiro” que “amplíe a porcentaxe de impostos cedidos, reclame a cesión doutros novos como o de Sociedades e que as empresas que explotan os nosos recursos naturais tributen aquí e non en Madrid”.

Aliás, piden unha estratexia consensuada sobre os Next Generation.

Defenden rescatar o sector industrial, un plan de fomento da actividade tecnolóxica, promover o tecido industrial orientado á creación de valor engadido e emprego de calidade en sectores estratéxicos como automoción, naval, robótica, téxtil ou químico-farmacéutico.

Aumentar o orzamento á ciencia ou a emerxencia climática, cunha lei galega contra o cambio climático, serán prioridades, así como avanzar nunha sociedade xusta, igual e libre de violencias machistas.

A nivel de lingua e cultura, entre outras iniciativas, propoñen destinar 2% dos Next Generation ao sector cultural e derrogar o decreto que reduce o galego nas aulas.

Comentarios