O BNG propón unha comisión de expertos para analizar o sistema de pensións

O Bloque Nacionalista Galego propuxo esta sexta feira a creación dunha comisión de expertos que analice o estado do fondo reserva de pensións, após da última retirada de efectivos do goberno central. Vídeo no interior.

Ana Pontón, portavoz nacional do BNG, compareceu ante os medios esta sexta feira para mostrar a disconformidade do Bloque coas políticas en materia de pensións do Partido Popular que, segundo a voceira, “poñen en risco o estado de benestar e as pensións do futuro e o presente”. Pontón reclamou a creación dunha comisión de expertos que analice “as causas do modelo de emprego de Rajoy e propoña medidas correctoras para o sistema de pensións”, ao fío da última sustracción de 8.700 millóns de euros aos fondos reserva, coñecida esta semana.

“O 31% dos traballadores galegos cobran menos do salario mínimo interprofesional e isto traerá consecuencias nas pensións do futuro”

A última retirada de efectivos fai que a cifra ascenda a 56.000 millóns de euros retirados polo goberno de Rajoy desde 2012. A Seguridade Social precisou a última quita para efectuar o pago das pensións e da paga extra de xullo e deixando as arcas en 25.176 millóns de euros. “Se seguimos a este ritmo, en 2018 o fondo estaría a 0”, valorou Ana Pontón, aludindo o modelo do sistema de emprego do Partido Popular como principal culpábel: “O 31% dos traballadores galegos cobran menos do salario mínimo interprofesional e isto traerá consecuencias nas pensións do futuro”.

Para a formación desta comisión, Pontón remítese ao Parlamento de Galiza como o lugar indicado para debater a creación desta comisión que “integrará axentes sociais e no que deberían estar presentes todos os grupos parlamentarios”, o cal retrasaría a súa formación, probabelmente, até despois das eleccións galegas.

Comentarios