O BNG apela ao OXI/NON do referendo grego en defensa da soberanía e da democracia dos pobos

A Executiva Nacional do BNG vén de emitir un comunicado no que apoia o referendo grego e no que advirte de que a combinación de soberanía e democracia é a ferramenta útil para acabar coas políticas que empobrecen os países e que os condenan á dependencia.

[Imaxe: Flickr]
photo_camera [Imaxe: Flickr]

O BNG, a través dun comunicado da súa Executiva Nacional, pon de manifesto que a ferramenta útil para facerlle fronte ás políticas que empobrecen os países e os condenan á dependencia pasa pola combinación de soberanía e de democracia. Deste xeito, a formación nacionalista clama polo Oxi/Non no referendo ao que está chamado o pobo grego para expresar a súa postura respecto do plan da Comisión Europea, o Banco Central Europeo e o FMI. E é que os requirimentos da troika para conservar e estender as liñas de crédito que terman do sistema financeiro grego e aseguran o pagamento da débeda aos acredores europeos pasan por outro programa de recortes de dereitos sociais e por un aumento de impostos que prexudica gravemente as clases populares, sinala o BNG.


Neste contexto, a organización nacionalista subliña que o referendo demostra que “a combinación de soberanía e democracia é o único instrumento útil para confrontar as políticas que empobrecen os países e os condenan a relacións de dependencia que o nacionalismo galego vén denunciando desde hai moito tempo”. O Bloque advirte de que o caso grego “é un exemplo extremo” da política que aplicada pola Unión Europea e que “tan tráxicas consecuencias tivo para Galiza”. Pon como exemplo a destrución á que as decisións da UE e do Estado español abocan o noso rural

O BNG agarda que o referendo marque o comezo dun tempo novo


Así, a Executiva Nacional do BNG expón que o resultado da votación, así como os acontecementos posteriores, marcarán o futuro de Galiza como pobo. “Agardamos que a propia celebración do referendo e o seu resultado favorábel aos intereses das clases populares gregas signifiquen o comezo dun tempo novo no que a democracia e a soberanía sexan os principios sobre os que se cuestione radicalmente o deseño da UE e das relacións de dependencia nos propios estados europeos”, afirma.


Na mesma liña, o BNG salienta no comunicado que o referendo convocado para mañá polo Executivo de Alexis Tsipras supón un punto de inflexión nas “regras sagradas da UE”, xa que, diante da antidemocracia das decisións estritamente tecnocráticas, será o pobo grego quen exprese a súa decisión. Precisamente, a convocatoria do referendo, expón o Bloque, espertou unha “virulenta reacción dos máximos representantes da elite europea”, ao describiren a consulta como unha “ameaza ao deseño institucional co que pretenden coutar a soberanía dos pobos”.

Comentarios