O BNG promove unha fronte de concellos en defensa do sector lácteo

Convoca as alcaldías das comarcas rurais a se mobilizar polo futuro do leite galego, independente da cor política dos gobernos.

ACALDES-BNG-RURAL-3
photo_camera [Imaxe BNG]

Os rexedores nacionalistas de San Sadurniño, Boimorto e Mazaricos compareceron esta cuarta feira (1 de xullo) para anunciar que a organización frontista pulará por unha fronte de concellos, "sen distinción de ningunha cor política", que defenda o sector lácteo fronte á crise que o atinxe após o cesamento da recollida en múltiples explotacións. 

Así o explicou Xosé Luís Rivas, Mini, alcalde de Boimorto no que definiu como un "municipalismo rural". Rivas convocou un encontro na súa localidade ás 11.00h da vindeira segunda feira. Con este encontro a organización frontista visa procurar e explorar "maneiras de presionar" que axuden ás explotacións leiteiras.  

Un "berro de loita", sinalou Rivas, a prol da "supervivencia" dun sector co que, de morrer, "morre o rural". 

Pola súa banda, o rexedor de Mazaricos, Juan José Blanco, sinalou o fin dos "abusos" por parte da industria envasadora como un dos principais obxectivos da iniciativa após o cesamento da recollida en diversas explotacións por parte das empresas Leite Río e Leitigal. 

Esta acción súmase ao calendario de mobilizacións que están a deseñar as organizacións sindicais agrarias Unións Agrarias, Xoves Agricultores e SLG. Reivindicacións ás que se sumarán tamén os concellos, apuntan desde o BNG, o cal "non quere dicir que nós non teñamos algo que dicir como municipios", acrecentaron. 

Comentarios