ELECCIÓNS

O BNG promete mobilizar 4.000 vivendas nun plan de alugueiro para mozas

A candidata nacionalista, Ana Pontón, califica de fracaso as políticas da Xunta en materia de vivenda pública.

A candidata do BNG, Ana Pontón, este sábado en Compostela (Europa Press).
photo_camera A candidata do BNG, Ana Pontón, este sábado en Compostela (Europa Press).

Só 16 vivendas a disposición da cidadanía desde 2016. Eses son os datos da política de vivenda pública do Partido Popular que evidencian, segundo a candidata á presidencia da Xunta do BNG, Ana Pontón, o “fracaso e a incompetencia” de Feixoo nesta materia. 

Ante esta "situación alarmante", a candidata do BNG comprométese a "mobilizar 4.000 vivendas" en réxime de aluguer para as persoas máis novas durante a próxima lexislatura se o proxecto do Bloque chega ao Goberno. Os seus plans pasan por "pór en marcha unha auténtica política social en materiade vivenda" e "facer dela un dereito que se poida exercer".

Presión aos fondos voitre

Para cumprir con este obxectivo, o Bloque pretende "mobilizar 4.000 vivendas ao longo da lexislatura" no marco dun plan de aluguer para mozas que "reactive as políticas sociais con medidas de tipo fiscal", xa que entenden que "se se fai presión aos fondos voitre e aos bancos" pódese recuperar vivenda e pola "a disposición das persoas".

Igualmente, apostan por "incrementar os recursos destinados", dotando con 100 millóns de euros un plan especial de acceso e así "duplicar os fondos neste ámbito". Pontón, ademais, aclarou que estas medidas están pensadas para as cidades, xa que é nelas onde "á xente nova e con traballos precarios non se lles permite o acceso á vivenda".

O pobre balanzo do PP

Respecto aos plans "propagandísticos" do PPdeG, Pontón lembrou que "fai catro anos Feijóo comprometeuse a pór a disposición 10.000 vivendas de aluguer en 40 centros históricos de Galicia", pero a "realidade" actual evidencia "a redución en dous anos de 60% do número de vivendas no mercado", moitas destinadas ao aluguer que "hoxe teñen destino turístico".

Ademais, denuncia que se incrementaron "os alugueres en 30% pola falta de oferta e a paralización da oferta pública", así como "a precariedade e os baixos salarios", que provocan un "gran esforzo" para facer fronte aos pagos mensuais e unha "misión imposible" no caso dos máis novos.

Comentarios