ARRINCA O PROCESO DE ELECCIóN

O BNG proclamará o 30A a súa candidatura á Xunta de Galiza após a decisión da súa militancia

Ana Pontón perfílase como a opción con máis hipóteses de ser cartaz eleitoral após a XV asemblea eliminar a incompatibilidade entre portavocía nacional e candidatura.

CN BNG2
photo_camera [Imaxe: BNG]

O Consello Nacional do BNG acordou na mañá do sábado estabelecer o 30 de abril como data na que proclamará candidato ou candidata da formación nacionalista á presidencia da Xunta. Esta decisión chegará após unha rolda eleccións por parte da militancia en asembleas que terán lugar a finais do mes.

Segundo o calendario aprobado, as candidaturas presentaranse entre os días 11 e 20 de abril e as asembleas comarcais terán lugar entre o día 21 e o 27. Será o Consello Nacional quen o día 30 informe do nome da persoa elixida polas bases da formación nacionalista.

Desta maneira, o Consello Nacional do BNG dá pasos adiante ante un posíbel adianto eleitoral dos comicios galegos. Aínda que calquera militante poderá aspirar á candidato ou candidata á presidencia da Xunta, a de Ana Pontón, portavoz nacional do Bloque, é a opción con máis hipóteses, unha vez que a XV asemblea nacional acordou eliminar a incompatibilidade entre portavocía nacional e candidatura.

Calquera militante poida participar en calquera proceso interno da organización. Só son necesarios 50 avais

En declaracións aos medios, Rubén Cela, membro da Executiva do BNG, afirmou que a formación nacionalista “segue a ser un referente de transparencia, un referente democrático e de facilidades para que calquera militante poida participar en calquera proceso interno da organización”. E é que para ser candidatábel, o ou a militante que quixer tan só ten que reunir 50 avais.

Rubén Cela subliñou que no BNG “non hai dedazos nin se toman decisións, como no PP, en función do humor co que se levante o señor Feijóo. É a militancia quen manda”. Sexa quen sexa o candidato ou candidata, a formación frontista ten un obxectivo claro: “conformar unha candidatura de país que sexa clave para derrotar o PP”.

Candidatura de país

Sobre a fórmula de concorrencia ás eleccións galegas, o membro da Executiva insistiu en que a folla de ruta foi acordada polo conxunto da militancia do BNG na asemblea nacional, onde “ficou clara a aposta nunha candidatura netamente do país, sen ningún tipo de atadura con forzas políticas que teñan o seu ámbito de decisión na Galiza”.

A candidatura do BNG non terá que mirar cara a Génova, Ferraz ou cara a Complutense, sinalou Rubén Cela

Neste sentido, Rubén Cela sinalou que o BNG lle ofrecerá á xente “unhas candidaturas coa cabeza e co corazón na Galiza, sen ningún tipo de atadura, que non teñan que mirar cara a Génova ou cara a Ferraz, mais tampouco cara á Complutense de Madrid –afirmou, en alusión a PP, PSOE e Podemos, respectivamente-. Unhas candidaturas, engadiu, “que só teñan que pensar nos intereses dos galegos e das galegas á hora de facer as súas propostas políticas”.

A candidatura do BNG, segundo afirmou Cela, será unha candidatura “de país”, “de ampla base social” e cuxa prioridade absoluta pase por derrotar o PP e as políticas de dereita de Feijóo, a quen acusou de deixar como legado “un país literalmente contra as cordas, con máis paro, precariedade, emigración, con peores servizos públicos, unha Galiza que oito anos despois está máis empobrecida e desprotexida”.

Comentarios