O BNG presume de “modelo urbano de éxito” na presentación dos candidatos e candidatas ás cidades

Pontevedra foi a cidade escollida polo BNG para presumir de “modelo urbano de éxito”. Alí goberna desde 1999 da man de Miguel Anxo Fernández Lores e alí a súa transformación da mobilidade valeulle recoñecemento da veciñanza e de organismos internacionais. E alí presentou Ana Pontón, portavoz nacional do Bloque, os candidatos e candidatas ás alcaldías das sete cidades.
 

foto o bloque candidatos
photo_camera De esquerda a dereita, Iván Rivas, Carme da Silva (edil en Pontevedra), Rubén Arroxo, Xabier Pérez Iglesias, Goretti Sanmartín, Ana Pontón, Miguel Anxo Fernández Lores, Francisco Jorquera, Eva Villaverde (responsábel de Política Municipal do Bloque) e Luís Seara. Foto: BNG.

“Temos un modelo que é a enveza de moitos e moitas, un modelo que funciona, que demostra a potencia que ten o BNG cando é capaz de poñer en marcha as súas alternativas”, sinalou Pontón a respecto de Pontevedra, “demostramos que temos un modelo urbano de éxito”.

A líder nacionalista estendeuse a respecto das políticas que defende a súa organización. “Hai quen apostou no seu día por tirar o patrimonio urbanístico e construír disparates, mais no BNG pensamos que conservando o patrimonio sopmos capaces de mellorar o espazo urbano, combinando con novas intervencións que teñan en conta que o espazo público debe estar ao servizo das persoas. Falamos dun modelo de ecocidades para o futuro”, dixo. O propósito da fronte nacionalista é exportalo ás outras urbes galegas.

Lores en Pontevedra, Xabier Pérez Iglesias en Vigo, Francisco Jorquera na Coruña, Luís Seara en Ourense, Goretti Sanmartín en Compostela, Rubén Arroxo en Lugo e Iván Rivas en Ferrol serán os cabezas de cartel. “Somos a primeira forza que ten nomeados aos cabezas de lista para as sete grandes cidades, mostra de que nos tomamos moi en serio a preparación desas eleccións para poder presentarlle á sociedade galega un proxecto claro”, engadiu.

O regreso ás corporacións de Ourense e Vigo -nas que quedou sen representación en 2015- é un dos principais retos para os nacionalistas. “Non nos marcamos límites”, asegurou a portavoz nacional, para quen a precampaña electoral “fortalecerá a presenza do BNG”.

Comentarios