O BNG presentará emendas aos Orzamentos Xerais do Estado para "atallar a crise industrial" na Galiza

Pide a "intervención pública" da planta de Alcoa en San Cibrao para que "se faga con ela un operador industrial solvente"

 

O deputado do BNG, Néstor Rego, na Cámara Baixa (Foto: Nós Diario)
photo_camera O deputado do BNG, Néstor Rego, na Cámara Baixa (Foto: Nós Diario)

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, presentou esta sesta feira en Lugo as emendas que trasladará a súa formación aos Orzamentos Xerais do Estado e que, entre outros asuntos, pretenden "atallar a crise industrial" que sofre a Galiza, en especial A Mariña.

Así, puxo especial énfase no "caso sanguento da Mariña, con empresas como Vestas ou Alcoa". Por iso, avanzou que unha desas emendas pide a "intervención pública" da planta de Alcoa en San Cibrao.

Intervención

"Presentamos unha emenda específica para que o Goberno proceda á intervención de Alcoa, a través da SEPI nunha operación intermedia para que se faga con ela un operador industrial solvente", detallou.

Ademais, precisou que "as emendas teñen por obxectivo aumentar o investimento na Galiza, o investimento territorializado". "Porque entendemos que hai que compensar o déficit histórico do noso país", abundou.

Entre outros, apuntou investimentos en infraestruturas, sobre todo no que se refire "a infraestruturas ferroviarias, coa modernización da rede ferroviaria interna e a ampliación de servizos".

Outro asunto sobre o que poñen o foco é en "as políticas sociais, aumentando as pensións mínimas e evitando recortes, tamén, nas pensións". En canto á votación dos orzamentos, advertiu que están "nun proceso de diálogo e negociación". "Que non avanza ao ritmo que nos gustaría", apostilou.

Votación

"Nós temos vontade de acordar, gustaríanos votar a favor porque iso significaría máis partidas para a Galiza", manifestou con respecto ao voto ás partidas orzamentarias.

Con todo, puntualizou que "iso vai depender do Goberno, do PSOE e de Unidas Podemos, e que se movan e estean dispostos a incorporar emendas do BNG, se non é así o BNG "actuará en consecuencia", avisou.

"Todas as opcións de voto continúan abertas, veremos se hai vontade de incorporar propostas do BNG, aínda que xa sabemos que non se van a poder incorporar todas ese propostas pero si que é posible avanzar", concluíu Néstor Rego.

Asemblea

Doutra banda, Rego asegurou que saíron "moi reforzados" e "moi cohesionados" da última asemblea do BNG, na que foi reelixida Ana Pontón como portavoz nacional.

"O BNG sae moi reforzado, nesa asemblea actualizamos as análises, mantendo os principios políticos e ideolóxicos do Bloque Nacionalista Galego", celebrou.

Ademais, destacou que "se fixo con absoluta cohesión interna, nun equipo de unidade". "Tamén o fixemos desde a perspectiva de seguir avanzando que é o que indican todas as enquisas de opinión que se están realizando", dixo.

"Imos seguir crecendo, na capacidade de intervención social, que resolva os próximos procesos electorais, cuns mellores resultados que permitirán consolidar a presenza en todo o territorio e en todos os concellos, que haxa máis concellos nacionalistas", aventurou.

Así mesmo, Rego aseverou que é preciso "aumentar a representación do BNG en Madrid nas próximas xerais". "E en 2024 o obxectivo é dobregar ao PP na Xunta, non polo feito de desprazalos senón porque implique un cambio de rumbo nas políticas deste país", concluíu, á vez que afirmou que ve a Ana Pontón como a próxima presidenta de Galicia.

Comentarios