ELECCIÓNS xERAIS

BNG presenta a súa “candidatura de país” para o 28-A

Nestor Rego, Maite Ferreiro, Iago Tabarés e Carme da Silva encabezan as listas coas que o nacionalismo pretende recuperar presenza no Congreso “e acabar coa discriminación das forzas estatais” para con Galiza.

CANDIDATURA BNG XERAIS 1

O BNG presentou publicamente esta segunda feira as súas candidaturas ao Congreso e Senado para as eleccións do vindeiro 28 de abril. Unha cita que, como reitera o nacionalismo, é unha ““oportunidade” para que Galiza recupere voz propia. Como afirmou a portavoz do BNG, Ana Pontón, o que presentan é unha candidatura de país, “que transcende as propias siglas do Bloque para ser un proxecto común en defensa dos intereses dos e das galegas”.

Pontón reiterou que “é o momento de apostar no BNG”, como unha opción clara na defensa dos intereses de Galiza, das “maiorías sociais”. Unha alternativa que representa e defende os dereitos sociais e laborais, o feminismo, e as liberdades e dereitos. Para iso, dixo, o Bloque presenta unha candidatura con persoas solventes e comprometidas, “sen ataduras” que, nun escenario sen maiorías absolutas, van marcar a diferencia a favor de Galiza. “Non me cansarei de dicilo: É máis útil para os galegos e as galegas 1, 2, 3 deputados do BNG  que 23 atados de pés e mans ás forzas estatais”, recalcou Pontón.

Esa “candidatura de país” que se presenta para “sumar por Galiza” está encabezada por Néstor Rego na Coruña, Maite Ferreiro en Lugo, Iago Tabarés en Ourense e Carme da Silva en Pontevedra.

“Asumimos o compromiso de ser a voz propia na defensa dos dereitos nacionais e socias de Galiza, unha Galiza que conte por si propia”, salientou Néstor Rego. De por parte, Maite Ferreiro reivindicou o interior o o medio rural e manifestou “o orgullo, a ilusión e as ganas de traballar pola provincia de Lugo desde un BNG que sempre está ao lado da xente”, concluíu. Desde Ourense, Iago Tabarés, salientou a importancia de ter unha forza propia para dar resposta ás necesidades da sociedade ourensá e galega. Carme da Silva puxo a cidade de Pontevedra cono exemplo do que é posible facer “cando se ten confianza” neste país e na súa xente.

Comentarios