O BNG presenta o seu modelo enerxético, "ao servizo das persoas"

Rego defende a participación pública na enerxía
Néstor Rego e Araceli Xesteira. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Néstor Rego e Araceli Xesteira. (Foto: Nós Diario)

O BNG presentou na tarde desta cuarta feira en Cangas, na comarca do Morrazo, a súa proposta de modelo enerxético co obxectivo principal de que sexa "un modelo ao servizo da Galiza e das persoas".

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, xunto a candidata do BNG á alcaldía de Cangas, Araceli Gestido, rexeitaron o "boom eólico depredador" e denunciaron que a política de renovábeis que está levando a cabo o Goberno do Estado -"en conivencia coa Xunta "- na eólica mariña é "indecente porque supón hipotecar o futuro do sector pesqueiro galego e do complexo mar-industria para favorecer o oligopolio eléctrico". 

O BNG, sinalou Rego, apostamudar o modelo de produción enerxética para pasar a un modelo de xeración eléctrica baseado "na produción a menor escala, máis próxima aos centros de consumo, a través de empresas públicas e a aplicación dunha Tarifa Eléctrica Galega, no caso da Galiza por ser un país que xa é produtor excedentario". 

A vicepresidenta terceira e ministra para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, Teresa Ribera, confirmou onte que comparecerá, a petición do BNG, a vindeira cuarta feira no pleno do Congreso español para informar sobre a implantación de polígonos de eólica mariña.

Antes deste acto en Cangas, Néstor Rego estivo en Lugo co candidato nacionalista á Alcaldía, Rubén Arroxo, para presentar as iniciativas a desenvolver para “pór Lugo no mapa das infraestruturas”, após anos de "abandono do Estado e da Xunta". Arroxo comprometeuse a convocar a todas as institucións, nunha mesa de traballo diálogo para rehabilitar e rematar as infraestruturas que lle dan mobilidade a todas as veciñas e veciños de Lugo.

Comentarios