Soberanía e traballo

Galiza Viva!, lema co que o BNG chama a se manifestar o Día da Patria Galega

Goretti Sanmartín e Rubén Cela presentaron esta mañá a manifestación do Día da Patria Galega que convoca o Bloque Nacionalista Galego. A concentración, que partirá da Alameda de Santiago de Compostela ás 12 horas, será o acto principal do 25 de xullo ao que se unen festas simbólicas por todo o territorio galego.

Goretti Sanmartín e Rubén Cela sosteñen o cartaz co lema da manifestación na sede do BNG. Foto: Irene Pin
photo_camera Goretti Sanmartín e Rubén Cela sosteñen o cartaz co lema da manifestación na sede do BNG. Foto: Irene Pin

O BNG convocou esta mañá a manifestación do 25 de xullo. No Día da Patria Galega, esta concentración será, segundo Goretti Sanmartín, para “un acto cargado de simbolismo e emotividade para todas aquelas persoas que consideramos a Galiza unha nazón”.

Galiza viva foi o lema elixido e que presenta a manifestación: “Queremos transmitir unha idea de ledicia e de orgullo deste país vivo e ateigado de recursos”, indicou Goretti Sanmartín, incidindo en que “Galiza é un país vivo e dinámico”, ao tempo que afirmou, precisa “soberanía para xestionarnos e, con ela, poder garantir o traballo”, en explicación do subtítulo soberanía e traballo, presente nos cartaces.

Deste xeito, o Bloque fixo un chamamento á unidade do nacionalismo galego nesta convocatoria. Sanmartín reivindicou tamén as actividades que van alén do propio 25 de xullo ao longo de todas as localidades do país, lembrando tamén as persoas emigradas que festexan esta data no estranxeiro.

Goretti Sanmartín: “Debemos formar un eixo centrado na alternativa nacionalista e conseguir a unidade do nacionalismo galego sen ser sucursais doutras forzas centrais.”

Dende o Bloque Nacionalista Galego non ven o índice de seguimento desta cita como un termómetro de cara ás eleccións galegas do vindeiro outono, senón que o enfocan como un “termómetro da vitalidade do nacionalismo”, sen pechar a porta a ningunha persoa por matices ideolóxicos, mais coa idea común de seren nacionalistas galegos, abrindo a porta a apoiantes doutras formacións. Ante a hipótese de converxencia nas eleccións galegas coa coligazón de En Marea, e interpeladao ao respeito polos meios, Sanmartín foi tallante, apuntando que o Bloque ten dous puntos chave neste senso: “Formar un eixo centrado na alternativa nacionalista e conseguir a unidade do nacionalismo galego sen ser sucursais doutras forzas centrais.”

Por último, no día de hoxe, Sanmartín e Cela quixeron lembrar a Agustín Fernández Paz, após do seu falecemento: “Queremos manifestar a nosa tristura e as nosas condolencias á súa familia persoal e tamén literaria.”

Comentarios