10 medidas de choque

O BNG presenta as liñas vermellas para negociar o apoio a un futuro Goberno

Pontevedra foi o lugar elixido pola candidatura do BNG-Nós para dar conta das súas medidas de medidas económicas de choque que representan as “liñas vermellas” para negociar o seu apoio a un futuro Goberno do Estado.

Presas, Rodil, Callón, Pontón e Bará
photo_camera Presas, Rodil, Callón, Pontón e Bará

“Poñer Galiza a producir para xerar riqueza e emprego”. Este é o leitmotiv do decálogo de medidas económicas presentadas polo BNG na mañá do sábado en Pontevedra que determinarán o apoio da candidatura nacionalista galega a un futuro Goberno do Estado.

Estas medidas de choque son as seguintes: unha política industrial para a Galiza do XXI; unha tarifa eléctrica galega; a xestión íntegra da I+D+i; o control do aforro galego por medio dunha banca pública que evite a fuga de 14.000 millóns de euros anuais; a transferencia da AP-9 e da AP-53; o levantamento dos vetos á produción no sector primario; a política de protección ambiental que impida a privatización das rías e levante a prórroga de Ence na Ría de Pontevedra; a reversión da precariedade laboral e da desprotección social a través da derrogación das reformas laborais PP e PSOE e o aumento do Salario Mínimo Interprofesional a 900 euros en tres anos; unha fiscalidade progresiva, cun imposto aos grandes patrimonio, coa rebaixa dos tipos de IVE e coa creación dun IVE do 35% para produtos de luxo, e un cupo galego que permita recadar e xestionar todos os ingresos por impostos.

Potencialidades do país

En declaracións aos medios, a portavoz nacional do Bloque, Ana Pontón, acompañada de Carlos Callón, nº1 do BNG-Nós Candidatura Galega pola Coruña; Olalla Rodil, nº1 por Lugo; Noa Presas, nº1 por Ourense, e Luís Bará, nº1 por Pontevedra, sinalou que as dez medidas de choque van encamiñadas a “sentar as bases dun novo modelo produtivo, partindo das potencialidades que ten Galiza”.

Pontón: "Os únicos que podemos ir a Madrid sen ataduras somos nós, que non temos que lle pedir permiso nin a Rajoy, nin a Rivera, nin a Pedro Sánchez nin tampouco a Pablo Iglesias"

A portavoz nacional do BNG apelou a “aproveitar que non vai haber maiorías” e que a candidatura do BNG-Nós pode ser “decisiva” na conformación do próximo Goberno”. “Os únicos que podemos ir a Madrid sen ataduras somos nós, que non temos que lle pedir permiso nin a Rajoy, nin a Rivera, nin a Pedro Sánchez nin tampouco a Pablo Iglesias”, salientou.

Ana Pontón reivindicou que o BNG-Nós ten “un proxecto alternativo e orixinal que acredita no potencial dos galegos e das galegas para saír adiante”.

Comentarios