O BNG presenta unha batería de propostas no Parlamento contra a crise

A deputada Montse Prado asegurou que a batería de medidas formuladas polo Bloque procura "acabar coa anormalidade democrática dun Parlamento a medio gas no medio da pandemia e sumar propostas para axudar a saír da crise”.
A deputada do BNG Montse Prado (Imaxe: Nós Diario)
photo_camera A deputada do BNG Montse Prado (Imaxe: Nós Diario)

“Hai que acabar coa anormalidade democrática dun Parlamento a medio gas no medio da pandemia e sumar propostas e medidas para axudar a saír da crise”, dixo esta quinta feira, 23 de abril, a deputada do Bloque Nacionalista Galego Montse Prado.

Precisamente, con eses obxectivos enunciados por Prado, o BNG rexistrou unha batería de iniciativas para o seu debate na Cámara galega. Prado incidiu ademais en que "o BNG volve mostrar a súa vontade de colaborar co Goberno galego, como fixemos desde o primeiro momento, ante esta situación excepcional, que ten consecuencias moi graves para milleiros de familias e para o conxunto do país”.

Distribución de máscaras gratuítas

Entre as iniciativas formuladas polo Bloque figura o uso das máscaras e a súa distribución gratuíta entre a poboación; así como a situación das residencias da terceira idade, coa proposta de trasladar todas as persoas maiores contaxiadas nelas a un centro hospitalario "para que reciban a mellor atención sanitaria posíbel".

Tamén quere o BNG dar o debate na Cámara sobre as condicións de traballo do persoal sanitario, "tanto no relativo á sua protección como á precariedade laboral derivada dos contratos do Sergas en plena pandemia, reproducindo a inestabilidade anterior ao coronavirus con contratacións de semanas e mesmo de días ou a rescisión laboral en caso de ser afectadas pola COVID-19", resaltou Prado.

Violencia machista

Entre as medidas do BNG tamén figura a loita contra violencia machista, e insta á Xunta a que faga seguimento desta cuestión, que reforce o control e que "habilite todos os mecanismos de asesoramento e axuda ás mulleres".

Economía e traballo

O aspecto económico ocupa tamén unha parte das proposicións non de lei presentadas polo Bloque, especialmente as dirixidas á situación das e dos traballadores autónomos así como á vulnerabilidade económica das máis de 200.000 galegas e galegos afectados polos expedientes de regularización temporal de emprego (ERTE).

No primeiro caso, a formación que lidera Ana Pontón demanda unha axuda autonómica de pago único de até 2.000 euros compatíbel coas habilitadas polo Estado, e propón tamén a creación dunha “mesa económica e social entre forzas políticas, Goberno e axentes sociais para estabelecer unha estratexia de país para abordar o brutal impacto que a pandemia está a ter na económica e no emprego”.

O BNG pon o foco no pequeno comercio e nos mercados de proximidade. No primeiro caso, aposta por un plan de impulso ao comercio local para garantir a supervivencia da actividade e dos postos de traballo que xera. En canto aos mercados de proximidade agroalimentares, defende que se autorice a súa reapertura en colaboración cos concellos, para garantir a cidadanía o acceso a produtos esenciais, todo co correspondente protocolo de seguridade como se aplica noutros estabelecemento de alimentación.

Prado denuncia manobras dilatorias do PP

O curso académico acapara varias das iniciativas rexistradas pola formación nacionalista, que propón unha mesa de diálogo coa comunidade educativa, incluíndo ANPAS e sindicatos do ensino, coa finalidade de buscar a mellor alternativa para o alumnado e evitar discriminacións derivadas da fenda dixital, “xa que non garante a igualdade de oportunidades no acceso aos contidos educativos”, dixo.

O Bloque quere activar ao máximo a actividade parlamentaria “para que o poder lexislativo aporte á resolución da crise exercendo o labor de control do Goberno e de impulso de medidas que lle corresponde, deixando atrás a mordaza do PP, que mesmo bota man de manobras dilatorias e obstrucionistas para evitar a comparecencia do presidente da Xunta”, denunciou Prado.

Comentarios