O BNG urxe acelerar a evacuación do mariñeiro galego retido en Iemen

O deputado nacionalista, Néstor Rego, vén de rexistrar no Congreso varias preguntas ao Goberno do Estado para coñecer as xestións que está a levar a cabo de cara á liberación de Pablo Costas Villar.
Membros da tripulación do 'Cobija' que acompañan o galego Pavlo Costas Villar (Foto: Cedida).
photo_camera Membros da tripulación do 'Cobija' que acompañan o galego Pablo Costas Villar (Foto: Cedida).

Tras case un ano retido nun país en guerra, o mariñeiro Pablo Costas Villar permanece a bordo do buque Cobija atracado no peirao de Al Mukallah desde o 26 de setembro de 2020. O capitán galego, de Bueu, malvive a canda o resto da tripulación nunhas condicións insalubres, sen víveres nin auga potábel e abandonado polo Estado.

A canda el, unha trintena de tripulantes procedentes de Perú, Namibia, Senegal ou Indonesia, cuxas autoridades xa iniciaron os trámites para evacuar os seus cidadáns.

Pola contra, o BNG sinala a "inoperatividade manifesta do Ministerio de Asuntos Exteriores e Cooperación do Goberno estatal para exercer as súas competencias, mediar ante as autoridades iemenís e lograr a repatriación do patrón" galego. Segundo aclara no escrito dirixido ao Congreso, limitouse "realizar unhas chamadas telefónicas, tras as cales parecen desentenderse do asunto por completo, recomendándolle ao mariñeiro que buscase pola súa conta un avogado e un tradutor".

A odisea do mariñeiro galego

Costas Villar embarcou en decembro de 2019 no Cobija, daquela con bandeira boliviana e en propiedade dunha empresa panameña.

O 18 de xuño do ano pasado, unha patrulla australiana asaltou o barco en augas internacionais en busca de probas que confirmasen un presunto delito de pesca ilegal. Ao non atoparen nada, o navío proseguiu a súa travesía, sen porto no que atracar por mor das restricións derivadas da pandemia da Covid.

Neste proceso, o Cobija foi vendido a un armador somalí, que o 26 de setembro ordenou ao capitán desembarcar en Al Mukallah, territorio do sur do Iemen, en guerra desde 2014.

Dous días despois, as autoridades locais informaron a Pablo Costas dunha orde de detención da Interpol cursada por Australia por pesca ilegal.

A tripulación ficou retida á espera de se resolver unha causa xudicial na que o Tribunal de Primeira Instancia da localidade pedía tres meses de prisión para o capitán polo citado delito, do que aínda non se atoparon indicios. 

Ao cabo, a acusación contra o mariñeiro galego quedou suspendida, e tanto el coma os seus compañeiros pediron ante os seus respectivos consulados a repatriación o pasado 12 de maio.

Preguntas ao Goberno

Mais segue retido, nunhas condicións de "emerxencia sanitaria" que urxen resposta, asegura o BNG.

Neste sentido, vén de pedir explicacións ao Goberno sobre as actuacións previstas para facilitar a saída de Iemen do patrón Costas Villar, así como os contactos que mantén coa súa familia para darlle apoio e acelerar o regreso do mariñeiro galego.

Comentarios