BNG e preferentistas piden a paralización da venda ''anticipada'' e ''inxustificada'' de NGB

O portavoz nacionalista e representantes da Coordinadora de plataformas de afectados entenden que a venda da entidade financeira supón “consolidar” e “legalizar” unha estafa. Lembran que hai 40.000 persoas en Galiza que aínda non recuperaron os seus aforros. Unha contía que ascende aínda a 540 millóns de euros que fican por devolver.

bng-preferentistas
photo_camera Fotos: M. Montero

Representantes da Coordinadora de Plataformas de afectados polas preferentes e subordinadas reuníronse co portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, unha cita na que, en palabras do propio Vence, “valoramos como afecta a estas persoas o proceso de venda de NGB”. O feito de que na Galiza haxa aínda 40.000 preferentistas que non recuperaron os aforros e que sexan uns 540 millóns de euros os que fican por devolver leva a BNG e afectad@s a pedir a “paralización do proceso de venda de Novagalicia Banco”. Unha venda que cualifican de “inxustificada” e “apresurada” e que só serve aos intereses da banca, afirman.

“Sería a legalización dunha estafa descomunal”, manifestou Xavier Vence, “a consolidación definitiva” do calote. “Os potenciais compradores non van asumir devolver eses cartos”. Por iso, expuxo o portavoz do BNG, Feijóo debería asumir responsabilidades e actuar como presidente de Galiza. “Que negocie con NGB para solucionar este problema”, pediu. Até o de agora, sostivo Vence, o PP só actuou para favorecer á gran banca sistémica “a costa dos cidadáns”.

Pemex. Feijóo leva un ano presumindo do que non ten

A preguntas dos xornalistas, Xavier Vence cualificou de “espectáculo lamentábel” o que está a acontecer cos floteis de Pemex. Para o portavoz nacionalista, o “vodevil” do goberno autonómico e central sobre estes barcos é máis dramático aínda por mor da difícil situación do naval galego. “Os traballadores queren carga de traballo, non mentiras”.

Vence mesmo sinalou que o feito de que Núñez Feijóo leve máis dun ano presumindo e afirmando en público que eses dous floteis van ser para estaleiros galegos “prexudica as opcións” do naval galego, pois esas declaracións do mandatario galego están a desvirtuar un concurso con varios participantes.

Comentarios