Enceta a estratexia eleitoral

O BNG pon rumo ás eleccións municipais para “avanzar en todo o país”

O Bloque enceta a preparación da estratexia eleitoral de cara ás municipais de 2019, para o que traballará na renovación das propostas programáticas e na elaboración das candidaturas. Aliás, adianta un “cumio” de concelleiras e concelleiros.

consello nacional 2
photo_camera Ana Pontón, coa membro da Executiva Eva Villaverde, no Consello Nacional do BNG

O BNG deu “o pistoletazo de saída”, en palabras da súa portavoz nacional, Ana Pontón, á preparación das eleccións municipais de 2019. Así o acordou o Consello Nacional, reunido na mañá do sábado, día 20, en Compostela.

En declaracións aos medios, Pontón citou os “deberes” que se pon a formación nacionalista e que pasan pola elaboración da “estratexia municipal 2019, a renovación das nosas propostas programáticas e traballar nas candidaturas que lle porán cara a esas propostas”. Unha das primeiras tarefas que acometerá o Bloque ao respeito será a convocatoria dun cumio de concelleiras e concelleiros.

O Bloque enfronta as eleccións con "optimismo" dado o "aval dos proxectos sólidos e de éxito desenvolvidos polos concellos nacionalistas"

Ana Pontón salientou o “optimismo” co que o BNG enfronta a cita eleitoral de 2019 dado o “aval dos proxectos sólidos e de éxito desenvolvidos polos concellos nacionalistas”, que situou como referentes de políticas de benestar, de calidade de vida, rexeneración urbana e de dinamismo económico e social.

“Os concellos do BNG levan anos demostrando que temos un proxecto ilusionante e transformador e conseguimos situarnos como referente internacional de cambio nas cidades, os concellos BNG son unha marca de calidade e demostramos que temos alternativas aos problemas”, afirmou a portavoz nacional, que citou exemplos do traballo nos concellos que gobernan: “mobilidade nas urbes, comercio de proximidade, abaratar o recibo da luz, coidar o patrimonio, promover a lingua e a cultura do país, xestión ambiental sustentábel e modelos urbanos de proxección internacional”. Aínda así, Pontón apelou a ser “tremendamente inconformistas e ver como mellorar”.

Man tendida

Por outra banda, a nacionalista tendeu a man “a todas as persoas que confían nas potencialidades de Galiza e queren construír desde nós e para nós, buscando espazos de intersección cos movementos sociais, culturais, veciñais, con toda a xente que comparta a idea de tirar para adiante deste país”.

“Unha das nosas prioridades vai ser traballar para darlle un novo impulso ao BNG nas eleccións municipais, onde non só consolidemos a representación senón que avancemos en todo o país coa ollada posta nas cidades”, advertiu a portavoz nacional do Bloque, que ve nestes comicios “unha oportunidade para poñer en marcha un tempo novo para Galiza, que deixe atrás as políticas que están machacando o país, creando desigualdade e emigración”.

E é que o BNG ve na cita eleitoral de 2019 a oportunidade de lograr un avance en toda a Galiza e “o preámbulo dun cambio na Xunta”.

Galiza, no centro do debate político

Nesta liña, Pontón afirmou que cómpre “reilusionar os galegos e as galegas” así como un “BNG forte” para poñer Galiza “no centro do debate político e superar os discursos derrotistas, eses que repiten a milonga de que este país vive da solidariedade do Estado”.

"Feijóo conduce Galiza á irrelevancia política coa súa estratexia de subordinación a Madrid"

A continuación, a portavoz do Bloque cargou contra o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, por “conducir Galiza á irrelevancia política coa súa estratexia de subordinación a Madrid”. “O debate que importa non é se Feijóo vai presentarse á reelección ou non, a min abúrreme moito e paréceme unha trécola para facerse o importante. O debate que nos importa aos galegos e galegas e frear a irrelevancia política a que nos conduce, que nos quere baixar do tren das nacións”, salientou.

Neste contexto, o Bloque di erguerse como “dique de contención” contra a “onda recentralizadora” e aposta en “sumar forzas en defensa do país” e en se converter “na referencia do cambio político que precisa Galiza”.

Comentarios