O BNG pon en marcha a refundación e anuncia contactos para conformar unha candidatura nacionalista

Na mañá do sábado o Consello Nacional do BNG reuniuse por vez primeira após a XV Asemblea Nacional do 28 de febreiro na Coruña. Con esta xuntanza comeza a refundación da organización nacionalista, que anunciou que inicia os contactos para conformar unha candidatura nacionalista para as eleccións galegas.

Consello Nacional pequeno
photo_camera Membros do Consello Nacional reivindican Castelao con linguaxe de signos.

Máis de 100 persoas participaron na mañá deste sábado na primeira reunión do Consello Nacional que saíu da Asemblea Nacional da Coruña. Ás 50 persoas elixidas no conclave do 28 de febreiro sumáronse esta mañá outras 50 persoas que saíron escollidas nas asembleas comarcais que tiveron lugar ao longo do país. Con esta primeira reunión, o BNG enceta o proceso de refundación e faino, segundo admite a organización nacionalista, coa vista posta nas eleccións galegas e mesmo nun posíbel adianto electoral a nivel estatal.

En declaracións á prensa, a portavoz nacional do Bloque, Ana Pontón, referiuse á refundación do BNG, un proceso “absolutamente novidoso” e cuxo obxectivo pasa por “ampliar a militancia e a base social e resituar o BNG como referencia fundamental para a derrota do PP”. Neste contexto, chamou a todas as persoas nacionalistas a participaren nesta nova etapa. “Este proceso de debate abre un espazo cara a dentro pero, sobre todo, cara a fóra”, afirmou a dirixente do Bloque, que apelou a “definir, soñar e modelar a organización e o futuro do nacionalismo”.

Pontón advertiu de que esta candidatura en clave de país será fundamental para derrotar Feijóo e as súas políticas “tóxicas e corrosivas"

A respeito das eleccións galegas, o Consello Nacional –conformado nun 43% por persoas menores de 35 anos- aprobou iniciar o unha “rolda de contactos con outras organizacións políticas e colectivos” coa finalidade de conformar “unha candidatura nacionalista”. Pontón advertiu de que esta candidatura en clave de país será fundamental para derrotar Feijóo e as súas políticas “tóxicas e corrosivas”.

Para camiñar cara a unha candidatura nacionalista, a dirección do BNG acordou estabelecer unha metodoloxía, un cronograma e os temas de debate. A única limitación, apuntou Ana Pontón, pasa por respectar o carácter nacionalista e os principios básicos do BNG referendados pola militancia na Asemblea Nacional. Os tres ámbitos de discusión que marca o Bloque son a radiografía da Galiza actual, a estratexia política do nacionalismo galego e a participación política e modelo organizativo.

Aprobadas as áreas de responsabilidade na Executiva Nacional

O Consello Nacional do BNG tamén aprobou a proposta de áreas colectivas e transversais nas que se estrutura Executiva Nacional, após suprimírense as secretarías nas que se organizaba, tal e como se acordou na XV Asemblea Nacional.

Segundo puido saber Sermos Galiza, á fronte da área de Organización sitúanse Obdulia Diniz, Bieito Lobeira, Néstor Rego e Goretti Sanmartín. Esta área responsabilízase da expansión organizativa; da coordinación; do ámbito urbano, localidades e comarcas; da formación e das finanzas.

Na área de Política Institucional traballarán Goretti Sanmartín, Noa Presas, Montse Prado e Xosé Luís Rivas, “Mini”. Son responsabilidades desta área a coordinación da política municipal, o impulso da rede de gobernos e cogobernos e o apoio ao traballo parlamentar.

Na área de Comunicación, Rubén Cela encargarase do discurso, da prensa e dos medios; tamén do discurso e da imaxe, Olaia Ledo; da propaganda, Carlos Ansoar e das redes e web, Xosé Manuel Marcote.

Na área de Ideas e Alternativas Políticas traballarán Carme Dasilva ( ideas e alternativas), Raquel Suárez (Normalización Lingüística e movementos sociais), Carlos Ansoar (ecoloxismo), Noa Presas (feminismo) e Alberte Mera (mocidade).

Da área de Relacións nacionais e internacionais encargaranse Montse Prado e Xosé Emilio Vicente.

[Esta información foi actualizada por volta das 18.43 para engadir o reparto de responsabilidades na Executiva Nacional]

Comentarios