O BNG pide á Xunta que demande a familia Franco para recuperar as esculturas do Mestre Mateo

Ana Pontón quere culminar a devolución dos bens espoliados por Franco.
Ana Pontón e Goretti Snamartín, reclamando a devolución das esculturas do Mestre Mateo (Imaxe: Nós Diario)
photo_camera Ana Pontón e Goretti Snamartín, reclamando a devolución das esculturas do Mestre Mateo (Imaxe: Nós Diario)

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) instou esta terza feira, 15 de setembro, a Xunta da Galiza a presentar a súa propia demanda xudicial para solicitar a devolución das esculturas do Mestre Mateo do Concello de Santiago espoliadas por Francisco Franco, á vista da aparición de novas probas e documentación inédita que "tira por terra os argumentos dos herdeiros do franquismo para reter as estatuas" no poder da familia do ditador.

"Levamos moito tempo reclamando que se poña fin aos privilexios do franquismo e que se nos devolvan os bens espoliados e a sentenza da devolución do pazo de Meirás abre unha porta á esperanza porque por primeira vez un xulgado recoñece o modus operandi dos Franco para apropiarse de bens do pobo galego, e hai outros que se confiscaron coas mesmas argucias como foron as esculturas do Mestre Mateo do Concello de Santiago”, salientou a portavoz nacional do Bloque, Ana Pontón.

"Debemos dar un novo impulso á recuperación destas estatuas porque forman parte do noso patrimonio e non podemos permitir a impunidade do franquismo e todas as Administracións temos a obriga de traballar para recuperalas”, aseverou a líder nacionalista. Nese sentido, anunciou que “o Bloque Nacionalista Galego vai levar ao consistorio compostelán e ao Parlamento galego iniciativas reclamando á Xunta que presente unha demanda xudicial achegando nova documentación para estas estatuas”. 

“Esa documentación inédita", dixo a portavoz municipal do BNG en Santiago, Goretti Sanmartín, en referencia ao material do investigador Francisco Prado-Vilar, "demostra o intento de fraude e de engano e debe poder ser utilizada”, alegou. Sanmartín tamén avogou “pola colaboración entre institucións para argumentar con máis solidez que as dúas estatuas poidan volver ao patrimonio público, neste caso do Concello de Santiago, de onde nunca deberon marchar".

Comentarios