O BNG pide “o voto de país e inconformista”

“Somos a mellor aposta e por iso pido concentrar no BNG todo o voto de país e todo o voto inconformista”. Así se expresou este domingo nun mitin en Ribeira a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, quen equiparou o apoio electoral á súa organización á querenza das persoas “por gobernos que se interesen pola súa vida, polos espazos públicos de calidade ou por xestionar ben cada euro”.
 

mitin pontón ribeira
photo_camera Mitin do BNG en Ribeira este 19 de maio. Foto: BNG.

Pontón coincidiu na localidade do Barbanza cun encontro electoral do PP en que falaba Feixoo. Serviulle para ironizar: “Non lle arrendo a ganancia, porque que os veña apadriñar Pablo fracasado Casado é todo un síntoma do que espera ao PP, de fracaso en fracaso até o fracaso final”. Para a líder nacionalista, o 26 de maio a dereita levará un “batacazo” como o do 28 de abril. Nas pasadas eleccións xerais, a suma das esquerdas galegas superou amplamente a dereita.

“A Feixoo tampouco o vexo ben”, estendeuse, “parece da Santa Campaña, como alma en pena de mitin en mitin pedindo que todo o voto da dereita vaia para o PP, que disque só quere depender dos veciños. Que nos explique de quen depende o PP en Andalucía”. Os populares andaluces fixéronse co Goberno da Junta despois de pactar co Ciudadanos e a ultradereita de Vox. Este tripartito vén de suprimir os orzamentos oara recuperación de memoria histórica, algo que o PP galego fixo ao pouco de sentar en San Caetano en 2009.

A portavoz do Bloque, acompañada en Ribeira da candidata ao Europarlamento Ana Miranda, presumiu de “recuperación” e afirmou que “o avance do BNG que se logrará nos concellos será a antesala dun tempo novo”. “É unha razón máis para votar Bloque este 26 de maio, porque non só abre esperanza nos concellos, tamén a de asinar o finiquito de Feixoo”, apuntou.

Ana Pontón tamén lembrou que alí onde a súa formación goberna “queda demostrado o cambio real”. Mencionou Rianxo, cuxo alcalde Adolfo Muíños é do BNG e opta á reelección, e preveu “gran resultado” en Ribeira, Pobra do Caramiñal e Boiro.

Comentarios