PARA O BLOQUE é “UNHA PRIORIDADE”

O BNG pide unidade para mudar un financiamento local que fixo perder a Galiza 1.500 millóns de euros

Ana Pontón afirma que “as grandes cidades do Estado reciben 500 euros por habitante, mentres que as galegas só 250 euros”. Chama a unha alianza para reverter este sistema de financiamento.

BNG

Os concellos de Galiza son claramente discriminados no reparto do financiamento local, o que prexudica directamente a veciñanza e fai obrigado tecer un compromiso que poña fin a este sistema. Eis a denuncia feita polo BNG por boca da súa portavoz nacional, Ana Pontón, que afirma que “esta non é unha situación normal, é unha grave discriminación que sofre o noso país”.

“Imos levar a todos os concellos e a todas as cidades unha moción para unha alianza na defensa dun financiamento xusto”

Cada concello galego recibe 50 euros menos por habitante do que a media estatal, indican desde o BNG, para o financiamento de servizos municipais, “o que significa que os municipios galegos perderon 136 millóns de euros só en 2016, e 1.512 millóns de euros desde a entrada en vigor do actual sistema en 2004”.

As cidades do país saen especialmente prexudicadas, explica Ana Pontón, cunha media de 252,7 euros por habitante neste exercicio fronte aos 499,63 euros de media das grandes cidades do estado que superan os 500.000habitantes, -Barcelona, Madrid, Málaga, Sevilla, Valencia e Zaragoza-. “Non entendemos por que un veciño ou unha veciña de Lugo, da Coruña de Pontevedra ten que ter a metade de recursos para financiar os seus servizos que un veciño ou veciña de Madrid, Barcelona ou Málaga”,afirmou na comparecencia tras o encontro cos responsábeis municipais do BNG nas grandes cidades galegas, e co rexedor de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores.

“Prioridade”

Ana Pontón considera que debe ser unha “prioridade” acabar con este finaciamento para conseguir outro que sexa máis equitativo e máis xusto para con Galiza. “Imos levar a todos os concellos e a todas as cidades unha moción para unha alianza na defensa dun financiamento xusto e acabemos co réxime de privilexio que teñen as grandes cidades do Estado” .

“Entendemos que é importante que os e as electoras teñan claro que votan, e imos presentarnos coas siglas do BNG sumando a outras persoas e forzas políticas que confluíron con Nós-Candidatura Galega"

Candidatura de unidade

En relación a fórmula de concorrencia electoral, Pontón lembrou que o BNG propón unha candidatura de unidade de todos os nacionalistas contra o “desastre” que, afirma, deixan as políticas do Partido Popular. “Pensamos que esa é a alternativa que suma para superar os problemas que ten Galiza”, respondeu a preguntas dos medios. A portavoz nacional confirmou que o BNG iría a unhas novas xerais coa súa marca electoral na papeleta de voto,. “Entendemos que é importante que os e as electoras teñan claro que votan, e imos presentarnos coas siglas do Bloque Nacionalista Galego sumando a outras persoas e forzas políticas que confluíron con NÓS-Candidatura Galega e seguir traballando con elas nesa unidade en defensa de Galiza”.

Comentarios