O BNG pide que se retire á familia Franco os títulos nobiliarios de Señoría de Meirás e Ducado de Franco

O deputado Luis Bará sinala as responsabildades dos diferentes gobernos, da Casa Real e do poder xudicial á hora de frear a devolución do Pazo de Meirás.

Luís Bará
photo_camera Luís Bará

O BNG defenderá na próxima sesión plenaria a devolución ao patrimonio público do Pazo de Meirás. Así o avanzou o deputado nacionalista Luis Bará, que tamén sinalou que o Bloque demandará que o goberno mova ficha para “retirarlle á familia Franco os títulos nobiliarios do Ducado de Franco e Señorío de Meirás”.

O parlamentar lembrou que está a piques de se facer un ano do acordo unánime do Parlamento galego polo que se instaba ao goberno español a iniciar accións para recuperar o Pazo de Meirás. Mais nese tempo nada se moveu. A familia Franco, manifestou Bará, “está envalentonada e utiliza o Pazo de Meirás como un fortín e parque temático para a promoción do ideario franquista”.

O Pazo de Meirás foi “adquirido, ampliado e reformado con fondos públicos”, afirmou, e durante a Transición legalizouse “ese espolio” coa participación  de todos os poderes do Estado. Para o deputado é evidente esa complicidade coa familia Franco e o franquismo na que a Casa real foi “clave” cando no ano 75 o Rei concede a familia de Franco os  títulos de Señorío de Meirás e  Ducado de Franco.

Bará tamén cargou contra a “complicidade” de parte do poder xudicial para defender os intereses da familia Franco, poñendo os exemplos das sentenzas das estatuas de Isaac e Abraham e recentemente co pronunciamento en contra do Tribunal Supremo para exhumar os restos do ditador Franco do Val dos Caídos .

Comentarios