O BNG pide reducir o alugueiro dos negocios afectados pola pandemia

O Bloque Nacionalista Galego pensa, por exemplo, en compensar algo os danos á hostalaría, o pequeno comercio e o sector cultural, entre outros ámbitos.
A nacionalista Alexandra Fernández. Nós Diario
photo_camera A nacionalista Alexandra Fernández. (Foto: Nós Diario)

O BNG propón unha lei que modifique, de maneira excepcional, os contratos de arrendamento de locais de negocios coa actividade limitada pola pandemia.

Explicouno en rolda de prensa onte a deputada Alexandra Fernández, que apela a axudar a manter os postos de traballo na hostalaría, no pequeno comercio e no sector cultural.

A perda de postos de traballo, advertiu, suporá un “golpe mortal no tecido socieconómico galego”.

Despois de cualificar de necesarias e urxentes as axudas directas, puxo de manifesto a necesidade de achegar medidas complementarias, como o apoio aos custos do alugueiro.

O BNG quere que a nova lei permita regular un procedemento para que o propietario do local chegue a un acordo co arrendador e reducir o alugueiro, “de maneira excepcional” mentres dure a pandemia. Esta rebaixa, engadiu a nacionalista, debe depender dunha porcentaxe en función da redución da capacidade e de horarios.

A regulación debe estar en función do poder económico do negocio e do propietario do local para redistribuír os custos derivados da pandemia.

A redución do alugueiro deberá realizarse naqueles negocios cuxa marxe de manobra estea limitada e deixando fóra “os grandes negocios con beneficios millonarios”.

Comentarios