martes 27/10/20

O BNG pide protección para o persoal de axuda no fogar

O deputado do BNG, Néstor Rego, reclama protección para o persoal de axuda no fogar e a consideración da Covid-19 como enfermidade profesional
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, na xuntanza coa plataforma SAF Galiza (Foto: Nós Diario)
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, na xuntanza coa plataforma SAF Galiza (Foto: Nós Diario)

O deputado do BNG, Néstor Rego, presentará no Congreso unha iniciativa para protexer o persoal dos servizos de axuda no fogar e para que se considere enfermidade profesional a derivada do contaxio pola Covid-19, tal e como  se preveu para as traballadores e traballadoras dos centros sanitarios e socio-sanitarios.

Nese sentido, o Bloque pide que se teña en conta que, por traballar con persoas especialmente vulnerábeis que residen nos seus domicilios onde poden ser visitados por familiares e amizades, a protección do persoal de servizos de axuda no fogar é fundamental como medida de contención para evitar a expansión do virus.

Esta quinta feira, 8 de outubro, o portavoz do BNG no Congreso, Néstor Rego, reuniuse con representantes da plataforma galega dos Servizos de Axuda no Fogar (SAF Galiza) para recoller e trasladar ao Congreso as súas principais demandas. Neste encontro, o deputado do BNG comprometeuse a presentar unha Proposición Non de Lei para reclamar de novo que se lle dea ao persoal de axuda no fogar a consideración da Covid-19 como enfermidade profesional, pois no seu traballo están cada día en exposición ao contaxio e, ao mesmo tempo, traballan con persoas de risco elevado.

Esta consideración estaba recollida no Real Decreto Lei 27/2020 para o persoal dos centros sanitarios e socio-sanitarios, mais non para o dos SAF. Unha vez que o decreto non foi convalidado polo Congreso, o BNG reclama que esta previsión sexa recollida de novo para todo o persoal que traballa en zona de alto risco.

A formación nacionalista mostrouse crítica coa resposta á iniciativa presentada o pasado mes de agosto polo BNG en que se demandaba a inclusión do persoal de axuda no fogar no previsto no Real decreto, pois o Goberno español considera que neste caso deben ser as traballadoras do SAF as que demostren que o contaxio se produciu mentres desenvolvían a súa actividade para consideralo un accidente laboral. Unha obriga de xustificación de que ficaban excluídos outros sectores, como é o caso do persoal sanitario.

Ademais, Néstor Rego recolleu a denuncia da Plataforma sobre a carencia de protocolos e material de protección adecuado, como EPI, luvas ou máscaras de calidade, que padecen as traballadoras do SAF desde que deu comezo a emerxencia sanitaria. “Esta falta de equipos axeitados para a realización das tarefas pon en risco a saúde dos usuarios e usuarias do servizo, mais tamén a das propias traballadoras cando entran nos domicilios particulares” explicou o deputado.

comentarios