O BNG pide un proceso constituínte que recoñeza o dereito de Galiza a ter un estado propio

Xosé Manuel Beiras fala dun "golpe de man" na abdicación do monarca e CxG defende unha "consulta popular" sobre a Xefatura de Estado. Desde o PSdeG desmárcanse de Rubalcaba e piden unha "reforma constitucional".

A fronte nacionalista defendeu esta segunda feira, após coñecer a abdicación de Juan Carlos de Borbón, a abertura dun "proceso constituínte" que "no que a monarquía sexa substituída pola república" e no que "se recoñeza o dereito a decidir das nacións sen estado como Galiza".

En comparecencia de imprensa, o portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, asegurou que a renuncia do trono do monarca español é "unha oportunidade" para desenvolver "unha profunda democratización das institucións nun marco que só pode ser republicano" mais no que se "recoñeza a realidade das nacións que hoxe son negadas polo Estado español, incluído o dereito a decidir e, no caso de Galiza, que recoñeza o dereito a existir dun Estado galego", sinalou.

Vence: "É hora de rematar definitivamente coa herdanza do franquismo, dun réxime baseado nunha transición controlada pola oligarquía e polo exército"

Neste senso, enfatizou Vence, "é hora de rematar definitivamente coa herdanza do franquismo, dun réxime baseado nunha transición controlada pola oligarquía e polo exército" e dar paso a ese "movemento cidadán" que "reivindica máis democracia e recoñecemento das nacións e o dereito a decidir".

Desde a organización frontista rexeitan un "cambio cosmético" como sería o traspaso de poderes ao fillo do monarca, Felipe de Borbón, para salvar, denuncian, "un réxime corrupto" polo que exixen "un novo proceso constituínte, no que non ten cabida un réxime vitalicio e hereditario herdado do franquismo como é monarquía borbónica española".

O Bloque anunciou que secundará as mobilizacións convocadas para esta segunda feira baixo o lema Polo dereito a decidir, Galiza pola República e que terán lugar nas principais vilas e cidades galegas ás 20.00 horas.

Beiras rexeita un proceso "cociñado desde arriba" e defende unha "república na que previamente cataláns, bascos e galegos decidan o sobre o seu futuro"

Beiras fala dun "golpe de man" na sucesión do Borbón

O portavoz parlamentar de AGE e voceiro de Anova asegurou que a substitución de Juan Carlos de Borbón polo seu fillo Felipe supón un "golpe de man" motivado polos resultados colleitados nas eleccións europeas polas forzas do bipartidismo español (PP e PSOE). Para Beiras os "partidos do réxime" ficaron "deslexitimados" nos comicios.

O líder de Anova sinalou non estar por "un proceso cociñado por arriba" que remate cun referendo, dixo, senón que se posicionou a prol dunha "república na que previamente cataláns, bascos e galegos decidan o sobre o seu futuro".

"Ten que ser un proceso deconstituínte e constituínte", sinalou Beiras, ao tempo que defendeu a creación dunha "gran fronte popular" que pule por unha "quebra democrática".

CxG reclama a convocatoria dunha "consulta popular" sobre a Xefatura de Estado

A organización galeguista solicitou após a abdicación de Juan Carlos de Borbón a convocatoria dunha "consulta popular" arredor do futuro da Xefatura de Estado. Aliás, o seu secretario xeral, Xoan Báscuas, demandou a "abertura dun novo ciclo político para o Reino de España" que pase polo recoñecemento "de xeito expreso" da "plurinacionalidade" do Estado.

Neste senso, chaman a "aproveitar" a Lei Orgánica que está a deseñar o executivo español --de acordo co fixado no artigo 57.5 da Constitución-- e "recoller no mesmo o procedemento de consulta popular" para que "sexa a cidadanía quen decida" a respeito dun "réxime político máis acorde cos principios democráticos" e que pasa, din, pola República.

CxG aposta na definición do Estado español como unha "república confederal plurinacional" que dea cabida e recoñecemento á "singularidade, soberanía e o dereito de autogoberno das distintas nacións".

O PSdeG desmárcase de Rubalcaba e aposta nunha "reforma consitucional"

"Os socialistas somos esencialmente republicanos", sinalou o secretario xeral do PSdeG-PSOE, José Ramón Gómez Besteiro, polo que demandou a abertura dun "ámbito de reflexión" após a abdicación do monarca que deveña, sinalou, "nunha reforma constitucional" para que "a sociedade non se estanque".

Besteiro desmárcase de Rubalcaba e pide unha "reforma constitucional"

Besteiro deslíndase así das declaracións pronunciadas polo líder d@s socialistas españois, Alfredo Pérez Rubalcaba, quen dixo agardar que "o reinado que agora se vai iniciar constitúa un novo período de éxito".

En troca, para o PSdeG de Besteiro a renuncia de Juan Carlos de Borbón abre a oportunidade para que sexan re-pensados o modelo de organización territorial, de financiamento ou a gobernanza económica". Besteiro chamou a que este proceso se desenvolva de maneira "sensata" e "madura como no 78".

Tamén así, as Xuventudes Socialistas de Galicia reclamaron a convocatoria dun "referendo" para decidir o futuro da Xefatura do Estado, entrementres o PSOE amosou o seu apoio ao futuro rei Felipe VI.

CIG: "manobra’’ para perpetuar o sistema 

A CIG considera que o anuncio da abdicación de Juan Carlo de Borbón responde a unha manobra “para intentar garantir a continuidade da monarquía e do propio sistema”. Esta abdicación prodúcese, explica a cenral nacionalista, no momento “no que o rei e a propia monarquía sofren o maior desgaste da historia”, alén de darse nun momento no que “existe un cuestionamento do propio sistema por amplos sectores da sociedade”.

É neste contexto político, económico e social, indica a central CIG, no que se produce esta abdicación “para pór en marcha unha nova operación cosmética colocando ao seu herdeiro para intentar salvar, non só á propia monarquía, senón tamén o actual sistema capitalista e neoliberal e un modelo de Estado profundamente centralista, negador do seu carácter plurinacional o do dereito de autodeterminación das nacións que o integran”.

Comentarios