O BNG pide no Pleno do Europarlamento corrixir “o desfase horario de Galiza”

ana miranda reloxio

Ana Miranda, eurodeputada do BNG, interveu esta cuarta feira na sesión plenaria do Parlamento Europeo para reclamar o fin da do desfase horario “imposto polo franquismo, para adaptar a hora á Alemaña nazi”, e que en Galiza chega a superar as dúas horas de diferenza entre a hora solar e a oficial.

Na súa intervención, Miranda sinalou que a proposta realizada polo presidente da Comisión Europea, Jean Claude Juncker, de non cambiar a hora, é “unha oportunidade para os países que non teñen o fuso horario ao meridiano de Greenwich”.

Galiza é un dos países do mundo con maior desfase entre a hora oficial e a denominada hora solar. Xeograficamente está no fuso GMT-1, máis a hora oficial é a GMT+1 e no verán as zonas máis occidentais de Galiza chegan a ter unha diferenza de dúas horas e media a respecto da hora solar.

Para o BNG, que en Galiza se leve a cabo o axuste do fuso horario e se corrixa este desfase tería “innegables beneficios para a calidade de vida dos galegos e galegas e a racionalización dos horarios”. En consecuencia, a adaptación da hora ao mesmo meridiano da situación xeográfica, como nos casos de Irlanda, Portugal ou as Illas Canarias, sería a solución máis acaída para Galiza, explicou Miranda.

Comentarios