O PP veta unha proposta do BNG para paralizar os expedientes de despexo previstos en Galiza

A proposición non de lei (PNL) do BNG -e apoiada por toda a oposición- pedía á Xunta que exerza as súas competencias en vivenda para garantir ese dereito. Tamén que os bancos fixesen unha ‘quita’ nas hipotecas ‘sobrevaloradas’. 

Unha proposición non de lei (PNL) do BNG pide á Xunta a paralización de todos os expedientes de despexo en trámite en Galiza. A proposta, que incorpora unha emenda de AGE, achegaba unha serie de medidas e actuacións a desenvolver para, sinalou o deputado Cosme Pombo, parar coa “lacra” dos desafiuzamentos. “Máis de 10.000 persoas perderon a vivenda no noso país”, dixo o parlamentar, que enmarcou esta realidade nun escenario no que Galiza “ten 630.000 persoas en risco de estar no limiar da pobreza” e é o segundo territorio do Estado en número de persoas a vivir na rúa.

As administracións, nomeadamente a galega, non poden ficar de brazos cruzados perante isto, manifestou Pombo, que lembrou que promesas feiras desde a Xunta, como a de habilitar 500 vivendas para acoller familias que as precisasen ficaron en nada. “Ocupáronse só 43”.

A PNL do BNG pedía á Xunta que exercese as súas competencias en vivenda para garantir ese dereito. E catro puntos máis: solicitar do Goberno do Estado a paralización de todos os procedementos de execución hipotecaria en curso, reclamar das entidades financeiras a procura de solucións negociadas e compartidas coas familias que teñen problemas para afrontar a hipoteca, reclamar das entidades financeiras que operan na Galiza, a devolución do cobrado ilexitimamente, en concepto de cláusulas solo abusivas, ás familias hipotecadas. E, por último, pedir ás entidades financeiras “unha quita no importe das hipotecas, que teña en conta a responsabilidade das entidades financeiras na sobrevaloración das vivendas no período da burbulla inmobiliaria, e as axudas públicas que recibiron para sanealas para buscar solucións negociadas e compartir os problemas das hipotecas abusivas entre as dúas partes afectadas”.

A PNL incorporou a emenda de AGE, que propón “a creación dun parque público de alugueiro social e a dotación de medios suficientes para garantir que en todas as cidades e vilas existan suficientes vivendas para o realoxo de familias desafiuzadas”. O deputado Antón Sánchez apelou os gobernos a “asumir” o fracaso das súas políticas neste eido, e enmarcou os despexos nun panorama preocupante de desiguladade social, “onde hai xente que traballa mais que o salario non dá para facer fronte a un alugueiro”.

Porque, e iso tamén o destacou o PSdeG por boca de Sánchez Bugallo, máis da metade dos desafiuzamentos proceden de familias que non poden pagar esa renda de aluguer, e non por hipotecas.

Mais desde o PP defenderon que tanto goberno galego como español aprobaron medidas contra os despexos e en política de vivenda.

Comentarios