O BNG pide no debate de orzamentos mobilizar 700 millóns de euros para emprego e gasto social

O portavoz nacionalista, Francisco Jorquera, defendeu unha emenda transversal aos Orzamentos 2014 para procurar, dixo, máis medre económico e benestar social.

O portavoz do grupo parlamentario do BNG, Francisco Jorquera defendeu no Parlamento a emenda transversal do BNG aos orzamentos do Partido Popular para o 2014. Unha emenda que procura mobilizar 700 millóns de euros, “froito de cambios impositivos e medidas de aforro” que permitirían dotar con 50 millóns de euros “un plan extraordinario de fomento de emprego”, investir 200 millóns de euros en sanidade, suspender os copagamentos como o que se establece para os enfermos crónicos e destinar 38 millóns máis para a mellora da atención primaria con 27 para a redución das listas de espera.

Francisco Jorquera tamén sinalou que a emenda transversal prevé incrementar en 20 millóns á atención a dependencia, 15 para a renda de integración social, 5 para a loita contra os desafiuzamentos, ben como partidas para a atención ás vítimas de violencia de xénero.

Que pague máis o que máis ten

No apartado de ingresos, propuxo “gravar máis as rendas altas no tramo do IRPF, elevar a actual escala deste imposto nos grandes patrimonios, e estabelecer un imposto sobre os depósitos bancarios, grandes superficies comerciais e empresas contaminantes”.

Por outra banda, as emendas nacionalistas avogan por “aforrar no gasto corrente improdutivo e impedir financiar servizos públicos básicos  a través de fórmulas de colaboración público-privada”.

Comentarios