O BNG pide negociar co Estado a culminación de todas as transferencias pendentes

A formación nacionalista pide acabar co “triste balance” de doce anos con cero novas competencias

 

Ana Pontón, duranre a reunión do Consello Nacional.
photo_camera Ana Pontón, duranre a reunión do Consello Nacional.

O BNG defende a necesidade de superar o actual marco institucional dun Estatuto que, tras 40 anos, demostrou non ser unha ferramenta suficiente para solucionar os problemas estruturais do país. Entre outros, crise demográfica, emigración, precariedade e baixos salarios, desertización industrial, espolio dos recursos, debilidade dos servizos públicos ou declive no uso da lingua.

Así o expuxo a voceira nacional do partido, Ana Pontón, após a reunión do Consello Nacional. "Hai que mudar o rumbo, dar un paso adiante deixando no faiado un traxe que quedou pequeno", afirmou. O obxectivo, engadiu, é dotar "a Galiza do século XXI dun Estatuto de nación do século XXI".

Pontón avogou por abrir o debate no Parlamento, "unha vez deixemos atrás a pandemia e as súas consecuencias, co obxectivo de darmos unha nova folla de ruta institucional para construír a Galiza do futuro", explicou. Un reto que segundo avanzou, non impide "reclamar a apertura inmediata dun proceso de negociación bilateral co Estado para conseguir todas as competencias pendentes".

"Hai que pór fin ao triste balance de doce anos de Goberno de Feixoo sen un soa nova transferencia, facer efectivo algo tan básico como que se cumpra a lei e se transfiran a Galiza todas as competencias pendentes que, 40 anos despois, aínda están en mans do Estado", declarou.

Crispación centralista

O Consello Nacional tamén analizou a situación política marcada pola "crispación do centralismo madrileño", agudizada pola convocatoria electoral, que "afonda no descrédito da política xusto nun momento no que debe ser instrumento para dar solucións aos problemas reais da sociedade", alegou a portavoz nacionalista.

Neste sentido, acusou o PP de Feixoo de contaxiarse desa "crispación centralista", nun contexto de pandemia, "con graves problemas de xestión e con miles de cidadáns en situación límite". Así, Pontón censurou que no canto de gobernar, o Partido Popular se lance a "atacar o BNG e a súa portavoz", enlamando o debate e "facendo de oposición da oposición". Por iso, pídelle a Feixoo que canalice esa "belixerancia" que manifesta contra o Bloque cara a defensa dos intereses de Galiza, moi feble "débil", como se comprobou na reunión co ministro de Fomento.

Complicidade 

A voceira nacional do BNG salientou o salto do xefe do Executivo galego de criticar durante meses o acordo do BNG co PSOE para rebaixar as peaxes da AP9 a asumir como normal que os galegos e as galegas teñan que esperar até xullo para beneficiarse das rebaixas pactadas; ademais de sinalar a "complicidade" do presidente da Xunta "ante unha nova discriminación".

"Por que o Goberno do Estado pode condonar a débeda do Porto de Valencia, de 300 millóns de euros, e non busca unha fórmula para facer o mesmo co Porto da Coruña?, denunciou Pontón a falta dun trato xusto para Galiza.

Inmunidade de grupo fronte a Covid

En relación á pandemia, Pontón pediu extremar a prudencia ante unha eventual desescalada co fin de evitar unha cuarta onda que tería, de novo, un custe en vidas e en materia económica e laboral. Ademais, insistiu na comparecencia de Núñez Feixoo no Parlamento para explique o proceso de vacinación e a viabilidade de que Galiza teña 70% de poboación inmunizada en agosto.

"Pedímoslle que, por unha vez, exerza como presidente, que sexa parte da solución porque hai moito en xogo: a recuperación económica e social, o reparto dos fondos europeos, frear a desertización industrial, reforzar a sanidade pública ou dotarnos dun novo modelo de atención ás persoas maiores”, cuestións chave o futuro e nas que o BNG, dixo, está disposto a chegar a acordos.

Comentarios