BLOQUE E AGE DEMANDAN A SAíDA DE DOSITEO RODRíGUEZ DO CONSELLO DE CONTAS

BNG pide unha investigación parlamentar do resgate público á Fundación Cela

O grupo parlamentar nacionalista reclamou a abertura dunha comisión na Cámara que pescude no uso que se fixo dos fondos públicos percibidos en 2010 pola entidade. 

Jorquera _ BNG
photo_camera Jorquera [Imaxe BNG]

Esta terza feira (2 de xuño) a Xunta de Portavoces do Pazo do Hórreo abordou a imputación do ex-conselleiro de Fraga, Dositeo Rodríguez, no marco do proceso xudicial aberto na Fundación Camilo José Cela. 

Foi através do BNG quen demandou a constitución dunha comisión parlamentar para a investigación dos fondos públicos percibidos pola entidade. E é que a Fundación foi resgatada en 2010 pola Xunta de Galiza e a xustiza coida que as persoas que a administran poderían ter incorrido nun presunto delito de malversación e apropiación indebida. 

Neste senso, o portavoz do BNG no Pazo do Hórreo, Francisco Jorquera, denunciou “o escurantismo e falta de transparencia” coa que se xeriron os recursos públicos mobilizados pola Fundación e que agora se están a vencellar con comportamentos supostamente delitivos que, para alén do máis, atinxirían un ex-conselleiro e actual integrante do Consello de Contas de Galiza, Dositeo Rodríguez. 

A iniciativa foi apoiada por AGE que tamén reclamou, co BNG, a saída de Dositeo Rodríguez do Consello de Contas

A iniciativa do grupo parlamentar nacionalista foi apoiada por AGE que reclamará tamén a creación da devandita comisión. Asemade, ambas as dúas forzas parlamentares demandaron a saída de Rogríguez do Consello ao consideraren que a súa imputación é incompatíbel coa responsabilidade pública que ostenta. 

Desde o PSOE apelaron a ser "prudentes" e, embora coidaren que non é a situación máis acaída, non exixiron a demisión do popular. Desde o PPdeG, Pedro Puy, sinalou que "certamente" non é unha situación "desexábel" mais --como xa avanzara onte-- non coidan precisa a súa saída. 

Comentarios