O BNG pide instaurar o 1 de decembro como “Día da dignidade nacional de Galiza”

Ese día de 2002 ducias de miles de persoas encheron Compostela na gran manifestación de Nunca Máis a raíz do Prestige.

Nunca Máis Prestige

O BNG proporá no Parlamento que se declare o 1 de decembro como “Día da dignidade nacional de Galiza”, unha data que homenaxea aquel 1 de decembro de 2002 no que miles de persoas encheron Compostela en resposta á convocatoria de Nunca Máis a raíz do naufraxio do Prestige. “Coincidindo cos 15 anos da maior catástrofe ambiental en Galiza, queremos que se recoñeza ao pobo galego a súa capacidade para “pórse en pe” e saír adiante por nós mesmos”, indican os nacionalistas.

A viceportavoz do grupo parlamentario do BNG, Olalla Rodil realizou o anunciou após a Xunta de Portavoces.  A parlamentar informou que o BNG centrará a pregunta de control a Feijóo “nas consecuencias da súa incompetencia” en referencia  á nova suba das peaxes da AP-9 en 2018. “Ir e vir á Coruña resulta máis caro que comprar un billete de baixo custo dende Lávavola a Londres”, denunciou Rodil. Audasa recadou no ano 2016 máis de 45 millóns de euros a conta do AP9 mentres Feijóo “sacaba peito sobre un acordo co goberno español afirmando que todas as decisións relativas á  AP-9 serían coparticipadas entre Fomento e a Xunta”.

Tarifa eléctrica

A deputada nacionalista anunciou  que na vindeira sesión plenaria tamén se tratará a Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) impulsada pola CIG referida á “tarifa eléctrica galega”. No trámite de ponencia da ILP, explicou Rodil, o PP “desvirtuou esta iniciativa”

Rodil tamén explicou que o BNG acode con “cautelas” á Comisión de estudo da vaga de incendios e criticou que o PP dilate ata o mes de xaneiro as comparecencias. Para a viceportavoz, o PP  xoga cun discurso diferente en función de si está no goberno ou na oposición. “ Nós queremos que esta comisión funcione e aclare a vaga de lumes do mes de outubro pero ademais  que sirva para poñer enriba da mesa propostas que  senten  as bases para unha nova xestión do monte fuxindo da concepción exclusivamente forestal e abordando  a súa multifunción e  protección”.

Comentarios