BNG pide explicacións a Interior pola detención de 6 moz@s, acusad@s de incidentes no cerco

A deputada nacionalista Rosana Pérez critica a estratexia ''de criminalización de persoas e colectivos''. Anova xa cualificara de ''inxustificábeis'' os arrestos e denunciara a ''criminalización'' do ''compromiso social''.

A detención de seis moz@s en Compostela a comezos desta semana, acusados pola Policía de tomar parte nos incidentes tras a manife de mariñeiros do cerco de marzo, chega ao Congreso español. Faino da man da deputada nacionalista Rosana Pérez, que rexistrou unha iniciativa parlamentar na Cámara para pedirlle explicacións ao Ministro de Interior.

“Acusan, deteñen e logo se comproba que é falso pero xa difamaron”

Para a parlamentar do BNG, esta “maneira de proceder de Interior obedece sen lugar a dúbidas a unha clara estratexia de criminalización e demonización que está a practicar o Ministerio coa mocidade, colectivos e organizacións”. Acusa a Interior, a “determinados delegados do Goberno e outros cargos de estar empeñados en demostrar a existencia de organizacións terroristas na Galiza cando a realidade demostra a súa inexistencia.

“Acusan, deteñen e logo se comproba que é falso pero xa difamaron” di Rosana Pérez, que reprocha ao Ministro de Interior “que están a implantar un estado policial, vixiado e que coarta as liberdades e os dereitos fundamentais”.

“Detencións inxustificábeis”

Anova xa cualificara hai uns días as detencións como “inxustificábeis” e enmarcounas como “un grao máis no proceso de represión da protesta social, do exercicio do dereito á libre manifestación”.

Para a formación o arresto destas seis persoas na capital de Galiza supoñen “un paso máis na criminalización de todo compromiso social e político coa maioría social agredida”.

O propio portavoz de AGE, Xosé Manuel Beiras, denunciara en sede parlamentar estes arrestos pola policía española.

Comentarios