BNG pide equiparar o financiamento universitario galego á media europea: 1,5% do PIB

 

Ana Pontón acusa a Xunta de “bordear” a Lei galega de universidades que impide duplicar titulacións e pide que o proxecto sexa retirado.

 

FOTO PONTON REITORES SUG  bng

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, quixo lanzar unha mensaxe de rotundo apoio á universidade pública no encontro que mantivo esta segunda feira cos reitores dos campus galegos, Antonio López (USC), Julio Abalde (UdC) e Manuel Reigosa (UVI), no que tamén participou a portavoz parlamentaria de Educación, Olalla Rodil. Unha xuntanza que se realiza após o acanzo do proxecto para implantar na Galiza unha universidade privada. 

A portavoz afirmou que “Galiza non precisa unha universidade ao servizo da banca senón máis apoio e recursos á universidade pública”. Nesta liña, propón un incremento dos fondos de financiamento da universidade pública en 2020 e critica que a lei de acompañamento de orzamentos non avance nun novo plan de financiamento para o SUG e que, por contra, mesmo adiante novos recortes. O sistema universitario galego, lembrou, leva soportado recortes ao longo da última década, de tal xeito que, a día de hoxe, dispón de 438 millóns de euros menos.

A proposta do Bloque é, explicou Pontón, acabar cos recortes da última década co obxectivo de “situarnos no 1,5% do PIB  e colocarnos na media do noso entorno o que significaría unha mellora importante en canto a recursos, dotación para a docencia e a investigación”, explicou.

Pontón considera que se está incumprindo a Lei galega de universidades, “que a Xunta está aplicando de maneira moi laxa bordeando a legalidade, porque non atende ao que establece o actual marco que impide que a creación dunha universidade privada signifique duplicar titulacións do sistema público”.

Comentarios