O BNG pide a demisión da alcaldesa e da secretaria xeral imputadas por prevaricación

Catalina González, rexedora de Sanxenxo, e Encarnación Rivas, alto cargo de Urbanismo na Xunta, terán que responder pola concesión das licenzas dun edificio.

catalina
photo_camera [Imaxe: Concello de Sanxenxo]


O BNG pide a demisión da alcaldesa de Sanxenxo, Catalina González, e da actual secretaria xeral de Urbanismo na Xunta, Encarnación Rivas, pola imputación que pesa sobre elas. Terían cometido un delito de prevaricación na adxudicación das licenzas para as obras de construción dun edificio contra o cal foi ditada unha orde de derrubamento parcial.

De non renunciar aos seus cargos, a formación frontista exixirá a Feijóo e ao presidente da deputación de Pontevedra, Rafael Louzán  que actúen pois, malia recalcaren o seu respecto cara á presunción de inocencia, @s nacionalistas salientan a "alarma social" e a "mala imaxe" que das institucións políticas proxectan imputacións coma estas dúas.

"As persoas que pertencen a organizacións políticas teñen que ser as primeiras en dar exemplo de transparencia e ética", sinala o BNG nun comunicado. As dúas políticas do PP están imputadas na investigación urbanística que está a desenvolver o xulgado de Cambados após a denuncia presentada por un particular. Tamén están imputad@s seis técnic@s municipais.

Comentarios