O BNG pide dar marcha atrás á "supresión de paradas" en 23 municipios da Galiza

A futura lei de mobilidade sostíbel suporá un recorte no servizo de autobuses 
O portavoz do BNG no Congreso, Néstor Rego. (Foto: Nós Diario)
photo_camera O portavoz do BNG no Congreso, Néstor Rego. (Foto: Nós Diario)

O BNG presentou no Congreso dos Deputados preguntas relativas á necesidade de que o Goberno rectifique e non aplique "os recortes nos servizos de autobuses" na Galiza derivados da futura lei de mobilidade sostíbel.

Os nacionalistas instan o Ministerio de Transportes a que "dea marcha atrás" no seu propósito de "recortar as paradas de liñas de autobús" que afectaría a "23 municipios galegos".

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, apuntou que esta política vai "na dirección contraria" a garantir os dereitos dos cidadáns do medio rural a acceder á mobilidade en condicións de igualdade, ademais de ser unha medida que "promove o uso do vehículo particular".

Así, o BNG insistiu en que o Executivo central debe de retirar a proposta e "o recorte" exposto no anteproxecto de lei para os servizos de liñas de autobuses na Galiza para "contribuír á cohesión social e territorial" e que "non aumente a fenda entre as zonas urbanas e rurais ou de menor poboación".

O rural, máis inaccesíbel

Nun comunicado, os nacionalistas lembraron que a finais do mes de maio o Ministerio de Transportes presentou o novo mapa de concesións das liñas de autobuses de competencia estatal alegando que o actual non reflicte a realidade.

Así, segundo os datos achegados polo Goberno, incrementouse a demanda nas contornas urbanas fronte ás zonas rurais que experimentaron unha redución por caída demográfica, ademais de argumentar razóns económicas e "a necesidade de facer roteiros máis rendíbeis".

O BNG sinala que co novo mapa presentado desaparecerían as paradas de 23 concellos galegos con percorridos "interautonómicos", como é o caso das da Pontenova, Meira, Guitiriz, O Corgo, Baralla, As Nogais, Pedrafita, Palas de Rei, Monterroso, Chantada, Quiroga, Allariz, Ribadavia, Trasmiras, Riós, A Mezquita, Silleda, Lalín, Forcarei, O Porriño, Tui, Arzúa ou Melide.

Internet no Courel

Por outra banda, o BNG tamén rexistrou no Congreso iniciativas relacionadas coa fenda dixital e as dificultades de acceso a Internet e telefonía en comarcas de Lugo, especialmente no Courel, onde o pasado 25 de maio apagaron a central de telefonía por cobre, o que provocou que numerosas casas quedasen sen este servizo.

Ante estes feitos, o BNG demanda medidas "urxentes" para reducir a fenda dixital e garantir o dereito da cidadanía para acceder á telefonía e ás novas tecnoloxías "como un servizo básico universal".

Así, esixe ao Goberno "acurtar os prazos para a extensión da banda ancha ultrarrápida" en Lugo, así como no medio rural, para asegurar a cobertura de telefonía e Internet básica para o traballo, a actividade comercial e económica.

Comentarios