BNG e PSdeG piden a Xunta máis implicación cos sectores afectados polos feches

Pontón pide un plan de rescate que financie "70% das perdas" e Caballero lamenta o "escapismo" de Feixoo.
Un hostaleiro recolle as cadeiras do seu local (Foto: Arxina).
photo_camera Un hostaleiro recolle as cadeiras do seu local (Foto: Arxina).

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, pediu esta sexta feira a Xunta que aplique un plan de rescate o sector hostaleiro semellante ao que aprobou estes días Alemaña, a través de axudas económicas "inmediatas" que compensen "até 70% das perdas rexistradas polos locais". Estas subvencións deberían estar en vigor "tanto tempo como duren as restricións".

Pontón, após o encontro que mantivo con representantes da Asociación de Hostalaría de Compostela, fixo alusión a que este ano a Xunta disporá de "máis recursos ca nunca" (11.600 millóns de orzamento), polo que "debe chegar á xente que peor o está a pasar". "Se se salvou a banca, non se pode deixar caer á hostalaría", sentenciou, e lembrou que este sector xera "miles de empregos" na Galiza.

A respecto das últimas restricións aprobadas polo Goberno galego, salientou que o BNG apoia "todas as medidas que se estimen necesarias para frear a pandemia", porque a "mellor" maneira de superar a crise económica é "controlando o virus".

Con todo, insistiu en que, se se decreta o feche dun sector, este debe "recibir axudas directas e inmediatas que compensen as perdas".

Caballero cuestiona o plan da Xunta

Pola súa banda, o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, apuntou esta sexta feira que a terceira onda de contaxios deixa "en cuestión" a planificación da Xunta para afrontar as perdas económicas. "Non existe ningún mecanismo para salvar e rescatar a tantos milleiros de pequenos comercios, restaurantes e bares que se ven afectados polas restricións de mobilidade e de interacción social", argumentou.

O líder das socialistas galegas denunciou a "escalada de escapismo" de Núñez Feixoo: "Un día di que a responsabilidade é do Goberno estatal e ao seguinte di que é da cidadanía", lamentou. Caballero salientou tamén que os fondos para a recuperación económica están "en mans" do Executivo galego, ao que cualificou de "ausente".

"Os fondos chegaron á Xunta para protexer a economía e Feixoo non pode escudar o seu suspenso á hora de protexer a hostalaría, o comercio e as autónomas tentando botar responsabilidades aos concellos e deputacións, que teñen unhas finanzas debilitadas", expuxo.

Comentarios