Política

BNG pide a comparecencia "urxente" do Goberno no Parlamento ante a "situación extrema" nas residencias

Ana Pontón considera que, pese ao aviso que supuxo o caso de Celanova, o Executivo galego "non está tomando medidas eficaces que eviten o contaxio do virus entre un colectivo vulnerábel" como son as persoas maiores. 
Ana Pontón, nunha videoconferencia a pasada semana.
photo_camera Ana Pontón na videoconferencia con alcaldes e alcaldesas nacionalistas (BNG).

"Que máis ten que pasar para que o Goberno informe das medidas adoptadas e para tranquilizar ás familias?". A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, que nesta terza feira mantivo un encontro virtual con alcaldes, alcaldesas e responsábeis municipais da súa formación, trasladou a súa preocupación "pola situación de extrema gravidade" que se vive nas residencias de maiores e reclamou a comparecencia "urxente" do Goberno de Alberto Núñez Feixoo no Parlamento da Galiza para "aclarar unha situación que está xerando unha xustificada alarma social".

Neste sentido, e aínda que o Bloque xa solicitou e rexistrou a petición de comparecencia da conselleira de Asuntos Sociais na Cámara, considera que debería ser o Goberno o que dese explicacións a petición propia en sede parlamentar para axilizar esa comparecencia.

"Temos unha situación dramática de alarma social nas residencias e por iso é urxente esa comparecencia", salientou Pontón, quen se preguntou "que máis ten que pasar para que o Goberno informe das medidas adoptadas e para tranquilizar as familias? Temos moitas preguntas que precisan respostas porque o Executivo non está actuando con celeridade, previsión nin anticipación precisamente ante un colectivo especialmente vulnerábel".

"É necesario reforzar a atención sanitaria, a realización de test masivos, o envio de material de protección, todo co obxectivo de anticiparse á extensión do virus porque estamos vendo casos de contaxio masivo nas residencias sen que o Goberno galego aporte medidas eficaces ante unha situación que era previsíbel", explicou a líder nacionalista.

Desde o BNG salientan que pese ao "primeiro aviso" que supuxo o acontecido na residencia de Celanova a situación segue "fóra de control" noutros puntos da Galiza, "e este tema é o suficientemente grave para que o Goberno compareza e para que se adopten medidas urxentes porque é evidente que algo non se está facendo ben á vista da evolución da situación", alegou Pontón.

Derrogar a Lei Montoro

Por outra banda, nesa reunión virtual con alcaldesas e alcaldes do BNG, Pontón asegurou que os concellos gobernados polas nacionalistas "adiarán o cobro das taxas e impostos, fraccionarán o cobro das taxas e impostos anuais e implementarán mecanismos de compensación para aqueles colectivos máis afectados", tanto por ERTEs como no caso de persoas autónomas. 

Para a portavoz nacionalista concellos e deputacións deben xogar "un importante papel" para saír da crise e, nese sentido, reclamou "derogar a Lei Montoro" para "mobilizar 900 millóns de euros de recursos municipais apalancados nos bancos". "Unha lei", afirmou, "que privilexiou o pago á banca, por riba das necesidades sociais dos concellos limitando drasticamente a súa capacidade de gasto"

Pola súa banda, o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores reiterou que, sen a derrogación da Lei Montoro, "os concellos estarán moi límitados" para poñer en marcha medidas urxentes e advertiu que, "hoxe máis que nunca, é necesario dar unha resposta inmediata aos sectores sociais máis desfavorecidos", entre os que destacou as residencias de persoas maiores e os servizos do fogar.

Comentarios