O BNG pide autonomía de xestión e decisión para os centros navais de Ferrol e Fene

O portavoz nacional Xavier Vence rexeita o terceiro plan de reestruturación que en Madrid preparan para o naval (''será a morte de Ferrolterra'') e presenta seis medidas factíbeis para facer este sector estratéxico e un motor económico de Galiza. ''Feijóo limitarase a comentar a xogada cando Madrid tome a decisión''.

Xavier Vence [Imaxe: SG]
photo_camera Xavier Vence [Imaxe: SG]

A situación que vive o naval de Ferrolterra non é a habitual nin en Europa nin no mundo. Lembrouno o portavoz nacional do BNG Xavier Vence, ao sinalar que “cada vez se constrúen máis barcos” pois o transporte marítimo está en auxe e é chave no futuro. De feito, sinalou Vence, “a nivel mundial estase en máximos históricos” de construción naval. Estas reflexións serviron ao portavoz nacionalista para dicir que o naval é unha industria con futuro. E para se preguntar por que mentres en Europa esa industria vai a máis en numerosos países, e no mundo tamén se dá esa tendencia, “na Galiza imos ao revés?”.

“Mentres miles de persoas pedían en Ferrol solucións para o naval, Feijóo estaba falando de Catalunya, de recortar deputados,...”

A resposta para Vence ten un elemento fundamental: “a desastrosa política do goberno central e galego” para con este sector, “falta unha estratexia para o naval galego”. Como exemplo do desleixo de Feijóo, Vence sinalou que mentres en Ferrol este domingo saían á rúa en defensa do naval ducias de miles, o presidente galego estaba ante os seus “falando de Catalunya, de recortar deputados...”.

Pódese

Para o BNG, o que cómpre é, pois, unha estratexia para o naval galego pois esta industria a nivel europeo e mundial está nun bon momento. Vence debullou as seis medidas, que sostén como factíbeis de cumprir, sobre as que tecer unha político para o naval que o converta en motor económico e de desenvolvemento.,

Neste paquete de medidas, os nacionalistas propoñen que os centros de Ferrol e Fene de Navantia deben ter “total autonomía de xestión e de decisión”, virando nun complexo integral de naval na Ría. “Son os centros máis competitivos”, remarcou Vence, que lembrou que entre 2008 e 2012 Ferrol deu beneficios (67 millóns de euros), mentres os outros centros do Estado daban perdas. “Por exemplo, en Madrid perderon 75 millóns”. É preciso, pois, “rachar coa actual estrutura de Navantia”.

Compromiso da Xunta

Outra medida proposta é a do cumprimento dos compromisos públicos das administracións para co naval nestes anos, como o dique flotante ou os floteis de Pemex. Nese paquete tamén está a aposta na “diversificación” de produtos, englobando a construción civil, reparacións e mesmo “produción de turbinas para sector eólico”.

“Navantia-Ferrol tivo beneficios entre 2008 e 2012. Os outros centros do Estado, non”

O financiamento é outro dos eixos da proposta de estratexia para o naval do BNG. Xavier Vence lembra que os estaleiros alemáns e holandeses estanse financiando cuns intereses do 4%, mentres que no caso galego é do 10 ou 12%.

Tamén advoga o Bloque porque a Xunta cumpra coa Lei de Construción Naval aprobada vai para tres anos no parlamento e que no seu artigo nº2 fixa que a Xunta pode ter representación directa no consello de administración de Navantia.

Comentarios