Un concurso de 121,6 millóns

BNG pide ao Sergas que investigue a adxudicación das ambulancias do 061

O xulgado de instrución número 2 de Compostela investiga se existiu un delito de prevaricación, información privilexiada e tráfico de influencias na adxudicación dun concurso da Fundación Pública de Urxencias Sanitarias de Galiza 061, dependente do SERGAS, por un importe de 121,6 millóns de euros.

ambulancias greve cig

A causa foi aberta após a denuncia apresentada por José Domingo Rodríguez, un empresario lucense que ficou excluído do concurso e que alegou que os adxudicatarios tiveron acceso a información privilexiada que lles permitiu facer unha oferta gañadora na licitación.

A deputada do BNG Montse Prado leva este asunto ao Parlamento galego a meio dunhas iniciativas en que se poñen en destaque as vinculacións dunha das empresas adxudicatarias, Ambuibérica, co PP.

"Até onde está disposto a chegar para favorecer a empresas amigas do PP na adxudicación de concursos públicos da Xunta?", inquire a parlamentar.

Prado salienta que o BNG xa fixera en sede parlamentar "reiteradas denuncias e advertencias" sobre este proceso de adxudicación, "ás que, como é habitual, fixeron ouvidos xordos", critica, ao tempo que denuncia que sexa unha soa empresa a que estexa copando a parte do león das adxudicacións da Xunta en materia de transporte por ambulancia.

"Practicamente non fica ningún empresario galego no sector das ambulancias, estando este en case a súa totalidade en mans de Ambuibérica, e iso apesar de que as relacións laborais non fixeron máis que empeorar ao igual que a calidade asistencial", di Prado.

Recentemente, o BNG mantivo un encontro cos responsábeis sindicais do sector do transporte sanitario de urxencias do 061, reunión en que recibiu información sobre as "numerosas irregularidades na prestación do servizo por parte da empresa adxudicataria", entre elas "unha dispoñibilidade de efectivos técnicos e humanos por debaixo do recollido no prego de contratación".

Comentarios